A Xunta promove unha mellora transversal de seguridade viaria no cruce da PO-214 en Pontecesures con semaforización e bandas redutoras

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, anuncia o inminente inicio desta actuación, na que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai investir 48.000€, nunha visita á zona xunto ao alcalde, Juan Manuel Vidal

Os traballos consistirán na sobreelevación do paso de peóns existente, a instalación da catro redutores de velocidade, unha banda transversal de alerta, cinco focos de semáforos, nova sinalización vertical e reposición de marcas viais

A Xunta, que tamén prevé o retranqueo dun báculo de iluminación e a construción de sumidoiros nos 400 metros da contorna da obra, habilitará carrís alternativos de circulación e sinalización provisional ante posibles interrupcións do tráfico
 

Pontecesures, 14 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vai promover unha mellora transversal de seguridade viaria no cruce da estrada autonómica PO-214, no núcleo urbano de Pontecesures, cunha actuación que contempla a instalación de semaforización, bandas redutoras e outras medidas cun investimento de 48.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou o inminente inicio destes traballos, que se completarán no primeiro semestre deste ano, nunha visita á zona xunto ao alcalde, Juan Manuel Vidal, e outros representantes municipais.

A actuación, proxectada para o cruce de entrada e saída de Pontecesures entre a N-550 e a estrada PO-214 en dirección a Baloira (A Estrada), abrangue un ámbito de actuación de 400 metros de lonxitude entre os puntos quilométricos 0+100 e 0+500.

As obras consistirán na sobreelevación do paso de peóns existente, a instalación de catro redutores de velocidade, a colocación dunha banda transversal de alerta no carril esquerdo á altura do punto quilométrico 0+465 e a instalación dun completo sistema semafórico, dotado con cinco grupos de focos, á altura do punto 0+350.

Así mesmo, está previsto que se coloque nova sinalización vertical, se proceda á reposición das marcas viais, se retranquee un báculo de iluminación pública e se constrúan novos sumidoiros na contorna das obras.

“Imos reforzar a seguridade viaria, tanto para vehículos como para peóns, nun punto estratéxico do tráfico de Pontecesures con esta actuación, que foi demandada polo Concello e que tamén foi detectada polos servizos técnicos de Infraestruturas. Vanse artellar sistemas que fomenten a circulación a velocidade reducida e tamén que melloren a regulación do tráfico para corrixir a falla de visibilidade nesta zona, especialmente no que se refire á incorporación de vehículos”, detallou o representante autonómico.

Ademais, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai habilitar carrís alternativos de circulación e sinalización provisional dos desvíos e da situación das obras ante posibles interrupcións do tráfico durante as mesmas.
 

Imaxes relacionadas