O sistema Xide creado pola Xunta para atención primaria recibe unha alta valoración polos pacientes, que aceptan máis do 90% das propostas de cita

Desde a súa posta en marcha en novembro, leva rexistradas máis de 21.500 citas e identificados máis de 500 motivos de consulta, entre os que destacan a extracción de sangue para analíticas, o control do Sintrom ou a renovación de receitas

O Goberno galego prevé estender este sistema ao 90% dos servizos de atención primaria, ao longo deste ano

Culleredo, 14 de marzo de 2022

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Estrella López-Pardo, visitou, esta mañá, o centro de saúde de Acea de Ama, en Culleredo, para presentar os resultados do sistema XIDE –de xestión integrada da demanda en equipo-; unha iniciativa piloto posta en marcha, o pasado mes de novembro, co obxectivo de axilizar a citación e ofrecer consultas máis resolutivas.

Incidiu en que, tras estes tres primeiros meses en funcionamento, os resultados da fase de pilotaxe están a ser positivos, xa que o sistema está a contribuír a reducir a sobrecarga nas axendas dos profesionais, principalmente a dos médicos de familia, e a optimizar a distribución do seu traballo.

Acompañada polo xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde Remeseiro, López-Pardo recordou que esta solución innovadora se empezou a desenvolver en dous servizos de atención primaria da nosa Comunidade: neste de Culleredo –constituído polas unidades de atención de Acea de Ama, O Portádego e Tarrío- e no centro de saúde de Illas Canarias, de Lugo. “Un modelo organizativo propio do Sergas e pioneiro en todo o Sistema Nacional de Saúde”, remarcou a López-Pardo, quen lembrou que o Ministerio de Sanidad vén de incluír o XIDE no Plan de Acción de Atención Primaria e Comunitaria, aprobado no seo do Consello Interterritorial, recentemente.

Un sistema cunha alta valoración

A valoración do novo sistema por parte dos pacientes é alta: a proposta de citación foi aceptada no 92% dos casos. E é que, tal e como dixo López-Pardo, o XIDE garante unha asistencia máis directa e accesible, así como unha maior rapidez na resolución, ao evitárense citacións intermedias. E, desde o punto de vista dos profesionais, está a facilitar o traballo en equipo, que sexa máis resolutivo e dedicar máis tempo á actividade programada.
Así, a Xunta de Galicia prevé estender, ao longo deste ano, o XIDE ao 90% dos servizos de atención primaria, empezando por aqueles que xa conten co seu plan de saúde local aprobado.

Desde o comezo da experiencia, o sistema XIDE leva rexistradas máis de 21.500 citas e identificados máis de 500 motivos de consulta. A maioría deles para solicitar extracción de sangue para analíticas e, posteriormente, os seus resultados; o control do Sintrom, a renovación de receitas ou a xestión dunha baixa laboral.

Segundo explicou a directora xeral, antes da instalación do sistema, a asignación da cita realizábase por orde de entrada e sen ter en conta o motivo da mesma, o que provocaba que case a totalidade das peticións se dirixira ao médico de familia. Agora, grazas ao XIDE, detectouse que arredor do 50% das consultas non programadas que entran cada día nun centro de saúde non requiren necesariamente a intervención dun médico, que preto do 30% poden ser atendidas de xeito directo polo persoal de enfermería e que máis da metade das demandas que entran sen previo aviso pola porta do centro non necesitan unha resposta inmediata ou no día, polo que poden ser programadas.

A Consellería de Sanidade continúa ampliando as funcións neste proceso de pilotaxe. Así, o pasado luns, púñase en marcha o XIDE dirixido á poboación pediátrica e, o vindeiro mes, empezarase a implantación das novas axendas de traballo para o persoal da función administrativa deste eido asistencial.

Galicia avanza nun novo modelo de atención primaria

No marco do novo modelo de atención primaria de Galicia, o XIDE súmase a outras accións de mellora organizativa para aumentar a capacidade resolutiva deste ámbito como a implantación do CRM100, a renovación de tratamento crónicos polos farmacéuticos, a creación da nova categoría de facultativos especialistas ou a aprobación dos primeiros catorce plans de saúde local.

Neste punto, López-Pardo salientou, tamén, o compromiso do Goberno galego coa creación de novas prazas e coa incorporación de novo equipamento. Destacou que, nos últimos tres anos, os servizos de atención primaria da área sanitaria de Coruña e Cee sumaron 56 novos profesionais e 138 novos equipos –desfibriladores, electrocardiógrafos, holter de presión arterial, espirómetros e ecógrafos-. En concreto, en Culleredo creáronse dúas novas prazas de medicina de familia e dúas máis de enfermería –unha delas de especialista en pediatría-; e adquiríronse 5 novos equipos –un novo desfibrilador, dous novos eclectrocardiógrafos e dous novos holter-.

Imaxes relacionadas