Conde reunirase co presidente de Colombia nunha misión comercial que inicia mañá ao país cunha delegación formada por medio cento de empresas e clústeres galegos

Trátase dunha viaxe que se enmarca no labor de acompañamento que a Xunta de Galicia está a facer ao tecido empresarial galego para impulsar a súa internacionalización

A Administración autonómica está correspondendo deste xeito á invitación que o presidente de Colombia, Iván Duque, trasladou ao xefe do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na visita que realizou a Santiago de Compostela o pasado mes de setembro

O obxectivo é abrir novas vías de colaboración entre Galicia e Colombia en sectores que son estratéxicos para ambas as dúas economías, como o TIC, o naval, o contract e o marítimo-pesqueiro

Na axenda da viaxe está previsto que Conde se reúna tanto co presidente colombiano como con varios membros do seu Goberno

Ademais, o vicepresidente económico participará en varios encontros empresariais, visitará empresas galegas asentadas no país e inaugurará un fito conmemorativo da ruta Xacobea en Bogotá
 

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, inicia mañá unha viaxe institucional a Colombia acompañando unha delegación formada por medio cento de empresas e clústeres galegos con intereses comerciais no país, como é o caso do sector TIC, o contract, o naval ou a industria marítimo-pesqueira.

Trátase dunha misión comercial que se enmarca no labor de acompañamento que a Xunta de Galicia está a facer ao tecido empresarial galego para impulsar a súa internacionalización. Neste caso, nun destino, Colombia, que representa a cuarta economía de Latinoamérica e que, dentro desta rexión, está entre os dez países aos que máis exportan as empresas galegas; concretamente, o sétimo.

Ademais, a Xunta de Galicia está correspondendo deste xeito á invitación que o presidente de Colombia, Iván Duque, trasladou ao xefe do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na visita que realizou a Santiago o pasado mes de setembro.

O obxectivo é abrir novas vías de colaboración entre Galicia e Colombia en sectores que son estratéxicos para ambas as dúas economías, como o TIC, o naval, o contract ou o marítimo-pesqueiro.

Neste sentido, na axenda da viaxe está previsto que o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación se reúna co presidente de Colombia, Iván Duque, así como co viceministro de Defensa, Gustavo Niño Furnieles, e coa titular do Ministerio de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC), Carmen Ligia Valderrama.

No que respecta á axenda económica, Conde intervirá en varios encontros empresariais, nos que está prevista a asistencia da ministra de Comercio, Industria e Turismo de Colombia, Ximena Lombana Villalba. E terá tamén ocasión de visitar empresas implantadas no país.

Xunto con isto, o vicepresidente económico asistirá, ademais, ao descubrimento dun fito conmemorativo da ruta Xacobea no santuario de Monserrate, en Bogotá.