A Xunta inicia as obras de mellora de firme en dous tramos antigos da estrada AC-432 no concello de Vimianzo cun investimento de case 46.000€

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, supervisou o inicio das obras que se realizaran nos puntos quilométricos 2+000 (Calo-Bribes) e 7+000 (Tras do Cean)

Os traballos incluirán a limpeza de cunetas e a rehabilitación do firme e, tras a execución das obras, estes treitos serán obxecto dun cambio de titularidade a prol do concello de Vimianzo, ao non ter xa funcionalidade na rede autonómica de estrada

Trenor destaca que esta actuación se inclúe nos traballos de conservación e mantemento da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns
 

Vimianzo (A Coruña), 14 de marzo de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou esta mañá o inicio das obras de reforzo de firme nos antigos tramos da estrada AC-432 nos puntos quilométricos 2+000 (Calo-Bribes) e 7+000 (Tras do Cean) en Vimianzo. As actuacións previstas foron adxudicadas á empresa Vázquez e Reino e contan cun orzamento de case 46.000 euros.

Os traballos consistirán na rehabilitación do firme destes dous treitos nos que se realizará a limpeza das marxes da calzada e a reapertura de gabias de drenaxe lonxitudinal. Posteriormente colocarase unha capa de mestura bituminosa en quente para regularización nas zonas que o precisen, cun espesor medio de 3 cm para proceder a continuación á extensión dunha capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente de 5 cm de espesor sobre a totalidade do firme existente

Tras a execución das obras estes treitos serán obxecto dun expediente de cambio de titularidade en favor do concello de Vimianzo, ao non ter xa funcionalidade na rede autonómica de estradas.

Trenor destacou que esta actuación se inclúe nos traballos de conservación e de mantemento da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns.

 

Imaxes relacionadas