A Xunta comeza as obras de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade na estrada autonómica OU-636 en Larouco

O delegado territorial da Xunta e a alcaldesa comprobaron esta mañá o inicio dos traballos

A intervención, cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros, ten un prazo estimado de 4 meses

Ourense, 14 de marzo de 2022

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao concello de Larouco para comprobar, xunto coa alcaldesa, Patricia Lamela, o comezo das obras de mellora da seguridade e da accesibilidade da estrada OU-636, nas que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste máis de 48.000 euros. Os traballos teñen un prazo de execución estimado de 4 meses

As obras desenvólvense na estrada OU-636 ao seu paso polos núcleos de Larouco e da Caseta e consisten na execución de cunetas transitables que conecten coas beirarrúas existentes, xunto coa adecuación aos requisitos de accesibilidade dos pasos peonís actuais.

No núcleo de Larouco executaranse tres tramos de cuneta transitable de formigón armado que suman unha lonxitude de 190 metros e conectarán coas beirarrúas actuais.

Tamén se reforzará a accesibilidade nos pasos de peóns, dotando as beirarrúas de tramos en rampla e baldosas podotáctiles, ampliando a súa anchura nestes puntos para evitar o aparcamento na aproximación ao paso e mellorar a visibilidade.

No núcleo da Caseta construiranse dous tramos de senda-cuneta entre os puntos quilométricos 19+850 e 19+910.

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas, seguras e eficientes.

Imaxes relacionadas