O titular da Xunta participou hoxe na XXVI Conferencia de Presidentes Autonómicos

Feijóo traslada o apoio ao Goberno na posición exterior de España dentro da UE e da OTAN e reclama unha baixada concreta dos impostos que gravan a luz, o gas e os hidrocarburos

Demanda a concreción dun Plan nacional de acollida de refuxiados que permita darlles unha acollida digna e sostible no tempo e urxe que se habilite un fondo extraordinario para abordar os gastos derivados desta actuación

Avoga tamén por que se adopten medidas específicas para os sectores máis afectados: transporte, industrias electrointensivas, pesca e agrogandería

Advirte do risco de que se manteñan algunhas das medidas anunciadas polo Goberno central en relación a un incremento xeneralizado de impostos, entre os que destaca a implantación de peaxes nas autovías
 

Los LLanos de Aridane (La Palma), 13 de marzo de 2022

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe o apoio inequívoco ao Goberno na posición exterior de España dentro da UE e da OTAN e reclamou unha baixada concreta dos impostos que gravan o prezo da luz, o gas e os hidrocarburos.

Durante a súa participación na XXVI Conferencia de Presidentes Autonómicos, Feijóo fixo fincapé nun primeiro termo na importancia de dar unha resposta coordinada á crise humanitaria, provocada pola guerra en Ucraína. E, sobre este punto, demandou a concreción dun Plan nacional de acollida de refuxiados que permita darlles unha acollida digna e sostible no tempo.

Para elo, urxiu que se habilite un fondo extraordinario para abordar os gastos derivados desta actuación e garantir a correcta atención sanitaria e educativa, así como promover a inclusión social.

Nunha complicada situación económica, agravada pola guerra en Ucraína, o titular do Executivo galego pediu que se poñan en marcha “medidas urxentes domésticas”, para minimizar as consecuencias socioeconómicas nas empresas e nos cidadáns. “O Goberno ten que baixar impostos e concretalos para facer a enerxía máis accesible desde o punto de vista industrial e dos fogares. Temos que baixar os impostos que gravan a electricidade, o gas, a gasolina e o gasóleo. É imprescindible facelo para que non se sigan pechando fábricas”, abundou.

Nesta mesma liña, avogou tamén por que se adopten medidas específicas para os sectores máis afectados -transporte, industrias electrointensivas, pesca e agrogandería-. “E non podemos seguir con esta transición enerxética abrupta”, engadiu, apostando por unha transición “moito máis meditada, pausada e proporcional”.

Así mesmo, advertiu do risco de que se manteñan algunhas das medidas anunciadas polo Goberno central en relación a un incremento xeneralizado de impostos, entre os que destacou a implantación de peaxes nas autovías que suporían novas cargas para as familias e os sectores produtivos esenciais.

En canto a outros asuntos, como os fondos europeos Next Generation, o responsable da Administración galega lamentou novamente que no coñecido ata agora primen o centralismo e a lentitude no reparto: “Centralismo porque de cada dez euros, sete quedan nas mans da Administración xeral do Estado; e lentitude porque das 137 convocatorias que había que sacar neste primeiro trimestre, só se sacaron 31”, precisou, denunciando que, deste xeito, os fondos europeos non se van a executar en prazo.

 

Imaxes relacionadas