A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou hoxe ao pé do río Ulla este plan integral, na véspera do Día internacional de acción polos ríos

A Xunta inicia o Proxecto Mil Ríos para mellorar 470 km de 50 cursos fluviais e aumentar así a súa capacidade de resposta climática

O Goberno galego impulsa esta iniciativa co obxectivo de incrementar a biodiversidade, cun investimento global de 5 millóns de euros

Ángeles Vázquez anuncia que o Ulla será un dos primeiros ríos nos que se actuará, coa eliminación de especies exóticas invasoras en 11 tramos distintos que suman máis de 38 quilómetros e a construción dunha nova estación ictiolóxica no Xirimbao
 

Vedra (A Coruña), 13 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia dá comezo á execución do Proxecto Mil Ríos para mellorar un total de 470 quilómetros de 50 cursos fluviais e aumentar así a súa resiliencia e capacidade de resposta ante o cambio climático.

O Goberno galego impulsa esta iniciativa co obxectivo de restaurar os ámbitos fluviais, incrementar a biodiversidade e optimizar a conectividade ecolóxica, cun investimento global de 5 millóns de euros, coa financiación da Unión Europea a través dos fondos NextGenerationUE.

Na véspera do Día internacional de acción polos ríos (14 de marzo), a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, presentou esta mañá ao pé do Ulla as primeiras actuacións do proxecto aos alcaldes dos nove concellos polos que pasa este río, así como a varias asociacións de pesca e medioambientais.

Os traballos consistirán na mellora da vexetación de ribeira mediante a eliminación de especies exóticas invasoras e a plantación de especies autóctonas, así como en suprimir obstáculos e optimizar os dispositivos de franqueo, co que se reforza a capacidade de adaptación dos ríos.

Recuperación do río Ulla

A conselleira de Medio Ambiente adiantou que o Ulla é un dos primeiros ríos nos que se actuará e concretou que se intervirán 11 tramos diferentes ao seu paso polo concellos de Padrón, Pontecesures, A Estrada, Teo, Vedra, Boqueixón, Silleda, Vila de Cruces e Touro, que suman 38,4 quilómetros fluviais e que representan 57,5 hectáreas de superficie.

Así, neste río preténdese eliminar especies exóticas invasoras, como a acacia negra, falsa acacia e mimosas, que —xunto coa fragmentación dos hábitats— supoñen unha das principais ameazas da biodiversidade galega.

Non obstante, engadiu que este proxecto tamén recolle para o Ulla a “importante” construción dunha nova estación ictiolóxica no Xirimbao —presa de Couso—, como complemento da de Ximonde, para mellorar o seguimento das poboacións de especies de peixes migradores. “Queremos converter o Ulla nun río exemplar do estudo do salmón a nivel mundial, así como aproveitar os resultados para definir os plans de aproveitamento e de recuperación”, explicou Vázquez Mejuto.

Por último, a conselleira de Medio Ambiente salientou a importancia deste proxecto polo papel que teñen os ríos, xa que son as arterias naturais de Galicia, que equilibran o ciclo hidrolóxico, transportan nutrientes dende ou seu nacemento ata o mar, contribúen a suavizar as condicións meteorolóxicas e climáticas —especialmente en zonas áridas—, e tamén teñen a función de eixos vertebradores do territorio e xeradores de paisaxes.
 

Imaxes relacionadas