A Xunta inaugura en Pistoia unha mostra fotográfica arredor da hospitalidade no Camiño de Santiago

A cidade italiana acollerá ata abril esta mostra fotográfica itinerante que recolle a experiencia e os valores universais do Camiño a través do traballo de Manuel G. Vicente

Santiago de Compostela acolleu o ano pasado unha mostra promovida por Pistoia co altar de prata na honra do Apóstolo, un regalo do bispo Xelmírez do século XII

Pistoia (Italia), 13 de marzo de 2022

No marco da celebración do Xacobeo 21-22, a Sala Affrescate do Palazzo Comunale de Pistoia (Italia) acolle a mostra “Acollida e Hospitalidade no Camiño de Santiago”, onde permanecerá ata o vindeiro 10 de abril. Situada en plena praza da Catedral de Pistoia e moi preto da mouteira simbólica que en 2019 se colocou marcando a distancia ata Santiago, a mostra ten como obxectivo impulsar a celebración deste Xacobeo excepcional ao tempo en que se chama a atención sobre unha das pedras angulares arredor das que xira a propia experiencia do Camiño, a hospitalidade xacobea.

Trátase dunha mostra itinerante que leva viaxando por diferentes puntos de España e do estranxeiro desde 2016. A que onte foi inaugurada en Pistoia está composta por 47 fotografías de Manuel G. Vicente realizadas ao longo das últimas décadas, tanto nas rutas como nos albergues de peregrinos e nas que se recollen instantáneas da espiritualidade do Camiño e da experiencia da acollida, ademais de engadir os valores paisaxísticos que tamén se poden apreciar no traballo de Vicente.

A elección de Pistoia para acoller esta mostra non é casual xa que, ademais do nexo histórico e cultural que garda co Camiño e con Santiago, cómpre lembrar que o ano pasado foi Santiago de Compostela a cidade que acolleu unha exposición realizada por Pistoia na que a peza principal foi un altar de prata, a peza de ourivaría máis importante de Europa medieval, creada na honra do Apóstolo Santiago e que se conserva no Duomo de Pistoia, como un regalo enviado polo bispo Diego Xelmírez ao bispo Ato no século XII.

Imaxes relacionadas