A escritora Anne Plantagenet e o director teatral Lluís Pasqual, protagonizan esta semana o ciclo de conferencias ‘María Casares’ organizado pola Xunta

A autora vén de publicar un libro dedicado á actriz galega baseado na súa correspondencia amorosa con Camus e o director teatral coñeceuna persoalmente

As intervencións terán lugar no Museo de Belas Artes da Coruña o mércores 16 ás 19,30 horas, con entrada de balde

A Coruña, 13 de marzo de 2021

A escritora Anne Plantagenet e o director teatral Lluís Pasqual protagonizan a segunda xornada do ciclo de conferencias María Casares. Do exilio ao escenario, co que a Xunta abriu o pasado mes a súa programación conmemorativa do centenario da artista. As intervencións, que serán presentadas polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, terán lugar o vindeiro mércores 16 no Museo de Belas Artes a partir das 19,30 horas, con entrada de balde.

Anne Plantagenet ofrecerá o relatorio Coraxe e desvergonza. A escritora afincada en París vén de publicar L’Unique, Maria Casarès, un libro dedicado á actriz galega e baseado na súa correspondencia amorosa con Albert Camus. É ademais autora dunha quincena de publicacións e dunha trintena de traducións ao español, con textos que exploran a cuestión da identidade, o exilio, a parella e o amor. Tamén dirixe obradoiros de escritura e é conferenciante habitual en centros de ensino.

Xa na xornada posterior á conferencia, no marco das actividades paralelas ao ciclo, Plantagenet fará a presentación da súa última publicación na libraría Moito Conto e manterá un encontro co alumnado de francés da Escola Oficial de Idiomas de A Coruña.

Pola súa banda, o catalán Lluís Pasqual, quen coñeceu persoalmente a María Casares, dará o relatorio Espectador privilexiado. Iniciado na dirección teatral en 1968, foi un dos fundadores do Teatre Lliure de Barcelona e estivo a cargo da súa dirección en diferentes etapas. Foi tamén director do Centro Dramático Nacional e do Odéon-Théâtre de l’Europe de París. Recibiu diversos galardóns e condecoracións, como as de Cabaleiro e Oficial das Artes e das Letras ou Cabaleiro da Lexión de Honra, outorgadas por Francia, e a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes, entre outras.

Conferencias ao longo do ano

O ciclo María Casares. Do exilio ao escenario prolóngase ata finais de ano en seis xornadas cunha ducia de intervencións protagonizadas por personalidades relevantes do mundo das artes e da cultura que coñeceron desde a proximidade o traballo e o legado da artista homenaxeada. A próxima cita será o 11 de maio, cos directores teatrais Josep María Flotats e Jorge Lavelli.

A iniciativa enmárcase na programación do centenario de María Casares promovida pola Xunta, que ofrece tamén desde hai un mes na biblioteca de xestión autonómica da Coruña Miguel González Garcés a exposición María Casares, residente privilexiada. A mostra expón 200 fondos propios do centro bibliotecario, con fotografías, filmes, documentos e publicacións, nas que destacan os volumes da colección persoal de Santiago Casares Quiroga. Permanecerá ata finais de ano para achegarlle á cidadanía un percorrido pola vida e contorna familiar da actriz.

Actividades editoriais, escénicas e audiovisuais

Xunto a estas propostas, a programación prevista pola Xunta ofrecerá durante todo o ano actividades tanto en Galicia como fóra, a través de propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorrerán toda a súa pegada histórica desde diferentes plataformas e linguaxes. Xunto ao Goberno galego participan numerosas entidades e institucións de distintos territorios, como a Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia, o Instituto Cervantes, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Edicións Xerais, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), entre outras.

Cómpre salientar tamén un proxecto en colaboración coa Embaixada de España en París e o Instituto Cervantes que incluirá unha mesa redonda, unha lectura escénica de fragmentos da actriz e unha mostra no Instituto de Cervantes de Marceau e Quentin Bauchart (Francia). En Madrid, en colaboración coa Biblioteca Nacional de España, haberá un ciclo de conferencias e charlas sobre a autora. En Galicia está prevista, entre outras, a posta en marcha de producións propias, coproducións e colaboracións con entidades galegas, nacionais e internacionais; un ciclo audiovisual na Filmoteca de Galicia e a edición de publicacións especiais, entre outras actividades.