A Xunta inicia dende hoxe o peche progresivo dos grandes recintos de vacinación

Agás no caso da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que continuará a vacinar nos grandes recintos ata o 21 de marzo; desde mañá luns, a administración das vacinas levarase a cabo nos hospitais do Servizo Galego de Saúde

Sanidade non retirará polo de agora o mobiliario dos grandes recintos de vacinación ante a posibilidade de que o Ministerio de Sanidade dea luz verde a vacinar cunha terceira dose á poboación con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia inicia dende hoxe o peche progresivo dos grandes recintos de vacinación, tras un ano vacinando á poboación galega contra a covid-19 nestes espazos, agás no caso da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que continuará a vacinar até o día 21 de marzo no Edificio Administrativo da Xunta de Pontevedra e no Fexdega de Vilagarcía de Arousa. En consecuencia, desde mañá, día 14 de marzo, a administración das vacinas nas restantes seis áreas sanitarias levarase a cabo nos hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde.
Con todo, o Executivo galego non retirará polo de agora o mobiliario dos grandes recintos, ante a posibilidade de que o Ministerio de Sanidade dea luz verde a administrar unha terceira dose á poboación con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos. No caso de aprobarse esta dose de reforzo, podrían habilitarse de novo os grandes recintos de vacinación, durante o número de xornadas que fosen precisas.
Na actualidade, Galicia é a comunidade autónoma con maior porcentaxe de poboación con pauta completa con preto do 95% da poboación, máis de tres puntos e medio por riba da medida nacional. Así mesmo, tamén é a primeira comunidade autónoma en porcentaxe de poboación infantil vacinada con alomenos unha dose (84%), superando en 26 puntos a media nacional.

Imaxes relacionadas