A Xunta reafirma o compromiso coas agrupacións de voluntarios de Protección Civil polo seu reforzo aos servizos de emerxencias

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asistiu esta mañá ao acto de entrega da Insignia da Ouro do Concello de Oroso á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do municipio

O Goberno galego leva investidos nos últimos anos 11M€ no reforzo do material das AVPC da comunidade e 4M€ nos seus gastos de mantemento

Oroso (A Coruña), 12 de marzo de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou esta mañá no acto de entrega da Insignia de Ouro do Concello de Oroso á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) do municipio en agradecemento ao seu traballo durante o confinamento pola pandemia do coronavirus.
A Xunta destaca o traballo completamente altruísta dos voluntarios no día a día para velar pola seguridade dos seus veciños e os máis de 100.000 operativos realizados durante os meses máis duros da pandemia para a entrega de alimentos e medicamentos, o acompañamento de persoas que viven soas ou a desinfección de espazos públicos.
O Goberno galego reafirma o compromiso con este colectivo ao que considera un dos piares das emerxencias galegas na súa labor de reforzo aos distintos servizos, tanto nas tarefas de prevención como en apoio ás intervencións, xa que en moitas ocasións son os primeiros en chegar ao lugar dos feitos. Así, leva investidos máis de 15 millóns de euros nos últimos anos, dos que 11 millóns se corresponden co reforzo e mellora do seu equipamento para realizar as súas intervencións con tódalas garantías e os 4 millóns restantes destinados a sufragar os seus gastos de funcionamento, incluídos os 340.000 euros da convocatoria deste ano.
No caso da AVPC de Oroso, o investimento supera os 69.600 euros, dos que máis de 41.500 euros se destinaron á adquisición de material de emerxencias como un traxe de protección ante a vespa velutina, terminais Tetra con GPS, un desfibrilador, un furgón e 1 remolque de emerxencias.
Pese a tratarse dunha competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación- a Xunta tamén asume máis da metade do custo anual dos Grupos Supramunicipais de Emerxencias (GES) e leva investidos 9,3 millóns de euros en material de emerxencias cedido.
En total, o investimento do Goberno galego para que os efectivos dos servizos de emerxencias -Protección Civil e GES- conten co equipamento necesario co que poidan realizar as súas intervencións con seguridade e eficacia ascende a 21,3 millóns de euros.
Os efectivos destas agrupacións, ao igual que os dos GES teñen tamén á súa disposición a formación que presta a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) co curso básico para obter o carné de voluntario como con formación continua para actualizar os seus coñecementos.