A Xunta certifica a excelencia do Real Club Náutico da Coruña co selo Galicia Calidade

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, participaron no acto de izado da bandeira coa que contan xa 14 clubs náuticos de toda a Comunidade

A Coruña, 12 de marzo de 2022

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, visitaron hoxe o Real Club Náutico da Coruña, onde realizaron o izado da bandeira de Galicia Calidade, coa que se recoñece a súa localización, equipamento e a excelencia dos seus servizos.

O encontro serviu tamén para informar aos responsables da entidade das diferentes liñas de actuación previstas para este ano da marca dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, así como para recoller as súas opinións, suxestións e achegas.

Na actualidade, xa son 14 os clubs náuticos galegos certificados con esta marca de garantía e que, xunto con hoteis, restaurantes e casas rurais, suman máis de 50 establecementos turísticos amparados baixo este selo.

Xunto co Real Club Náutico da Coruña contan con distintivo de Galicia Calidade o Nauta Sanxenxo, Club Náutico de Boiro, Club Náutico de Sada, Club Náutico Ría de Ares, Club Náutico de Rodeira, Real Club Náutico de Ribadeo, Real Club Náutico de Vigo, Real Club Náutico de Portosín, Real Club Náutico de Sanxenxo, Club Náutico Deportivo de Ribeira, Club Náutico San Vicente do Mar, Club Náutico de Portonovo e o Monte Real Club de Yates de Baiona.

Galicia Calidade conta na actualidade con máis de 600 produtos e servizos certificados de 150 empresas, que engloban os sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e planta ornamental.
 

Imaxes relacionadas