A Xunta reforza desde o luns os servizos de autobús en Cambre, dobrando as liñas, ampliando paradas e creando unha circular ao Polígono do Espírito Santo

Para levar a cabo estas melloras, acordadas co Concello, revisáronse todos os servizos de interese municipal que complementan o transporte público da actual concesión de autobús interurbano da Xunta no concello de Cambre

As 3 liñas actuais desdóbranse en 6, con itinerarios semellantes aos anteriores, pero con parte do seu traxecto diferenciado e ampliado a máis núcleos de poboación
 

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2022

A Xunta reforza a partir deste luns, 14 de marzo, as liñas de autobús de Cambre, dobrando as liñas actuais e con novos itinerarios que chegarán a 37 novas paradas. Ademais créase unha liña circular ao polígono do Espírito Santo.

O conxunto de adaptacións deseñadas pola Xunta e acordadas co Concello de Cambre permitiron a revisión da totalidade dos servizos de interese municipal (SIMU) que reforzan a atención do transporte público entre os núcleos de poboación, como complemento na actual concesión de autobús interurbano da Xunta.

Así, cada unha das 3 liñas do servizo de interese municipal, que contaban con expedicións de ida e de volta co mesmo itinerario desdóbranse en dúas. Deste xeito esas 6 liñas terán itinerarios semellantes aos anteriores, pero con parte do seu traxecto diferenciado e ampliado a máis poboacións nos dous sentidos, chegando a 37 novas paradas.

Ademais, créase unha nova liña circular entre Cambre e o polígono industrial do Espírito Santo que inclúe unha prolongación ata o núcleo da Mota, unha das principais demandas do concello neste traballo de revisión.

A análise conxunta dos servizos permitiu optimizar a súa prestación de xeito que as melloras da cobertura territorial non implican un custo maior para a administración local no marco do convenio asinado coa Xunta.

A reestruturación dos servizos municipais implicou tamén un pequeno axuste dos horarios para adecualos aos novos itinerarios das liñas e á duración das viaxes, sen que en ningún caso a variación supere os 15 minutos.

Toda a información relativa aos cambios nos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal .