Elisabeth Maisondieu-Camus, neta de Albert Camus, asiste ao espectáculo do centro dramático galego ‘A Peste’ inspirado na obra do Nobel francés

Acompañada polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, a neta do autor da novela que inspira a montaxe acudiu á sesión no Salón Teatro en Santiago

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2022

Elisabeth Maisondieu-Camus, neta de Albert Camus e membro da entidade responsable do legado do autor Camus Estate, asistiu xunto ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, á representación da produción do Centro Dramático Galego A peste, inspirada na obra homónima do Nobel de Literatura francés.

Coa mediación da Xunta, Elisabeth Maisondieu-Camus desprazouse ata Santiago de Compostela para coñecer as claves desta montaxe que conta con dirección e dramaturxia de Cándido Pazó. A versión da emblemática novela do seu avó materno foi levada a cabo como primeira produción propia da unidade teatral do Goberno galego neste ano.

Ademais do encontro co responsable autonómico de Cultura, ao que tamén asistiu o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, a neta de Albert Camus aproveitou a viaxe para coñecer a Cidade da Cultura e outros espazos artísticos e patrimoniais da capital de Galicia.

O espectáculo A Peste despídese dos escenarios mañá despois de 29 funcións ofrecidas desde a súa estrea en xaneiro no Salón Teatro de Santiago cun numeroso elenco constituído por 15 actores e actrices de ampla traxectoria. Tras a súa despedida, o Centro Dramático Galego ten prevista para o vindeiro mes a estrea da súa seguinte produción propia, Ás oito da tarde, cando morren as nais, de AveLina Pérez, con dirección e dramaturxia de Marta Pazos. A función inaugural será o 14 de abril no Salón Teatro, onde o luns 21 de marzo comezará a recta final de ensaios. As entradas están xa á venda a través de Ataquilla.com.
 

Imaxes relacionadas