Feijóo pedirá na Conferencia de Presidentes unha resposta coordinada ante a escalada do prezo da enerxía e a crise humanitaria de Ucraína

Solicitará a elaboración dun Plan español de acollida para persoas refuxiadas e proporá que se rebaixe o IVE da luz e do gas en España dentro do marco normativo da UE

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2022

O titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, pedirá na Conferencia de Presidentes que se celebra este domingo que o Goberno central tome medidas ante a escalada do prezo de enerxía, que está prexudicando gravemente a industrias, empresas e familias; e que coordine unha resposta unificada fronte á crise humanitaria provocada pola guerra de Ucraína.

O presidente galego proporá que, mentres dure este ascenso dos prezos, se reduza o Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) en España entre o tipo superreducido e o reducido, dentro do marco normativo da Unión Europea. Trátase dunha medida necesaria para que sectores como a industria, o agro e o mar poidan seguir a súa actividade, e para que as familias poidan facer fronte ás súas facturas.

Núñez Feijóo manifestou en moitas ocasións a súa preocupación polo ascenso do prezo da enerxía, que se prevé que continúe nas próximas semanas e que se viña rexistrando nos últimos meses. De feito, xa no pasado mes de novembro dirixiuse por carta ao presidente Pedro Sánchez para demandar solucións a esta problemática e á da escaseza de subministros.

Ademais, no encontro do domingo, Galicia solicitará a elaboración dun Plan español de acollida para persoas refuxiadas procedentes de Ucraína. Así o adiantou Núñez Feijóo nunha misiva enviada a principios desta semana, na que insistía na necesidade de que os poderes públicos se puxeran á fronte da corrente de solidariedade que están amosando os españois para “ordenala e canalizala”.

Cómpre recordar que Galicia xa comunicou que ten dispoñibles máis de 1.400 prazas de acollida para refuxiados, entre as habilitadas pola Xunta, concellos e entidades sociais; ofreceu case medio cento de camas de hospitalización; e está traballando de forma activa na axuda humanitaria e coas entidades do sector.

A maiores destes asuntos, de especial relevancia pola súa urxencia e afectación, o presidente da Xunta tamén agarda que o encontro sirva para avanzar en solucións coherentes na xestión da pandemia e para dotar dunha maior cogobernanza e axilidade á tramitación dos fondos europeos para a recuperación.

Imaxes relacionadas