Trenor prioriza o traballo coas asociacións para prestar un mellor servizo aos galegos

O delegado da Xunta reunise coa asociación Asdegal (Acción Solidaria de Galicia O.N.G de Voluntariado - ASDEGAL) e cos representantes da Asociación Galega de Lupus (AGAL)

A Coruña, 11 de marzo de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, rmantivo esta mañá dúas reunións de traballo cos representantes da asociación Asdegal (Acción Solidaria de Galicia O.N.G de Voluntariado - ASDEGAL) e cos representantes da Asociación Galega de Lupus (AGAL). Trenor puxo en valor o esforzo que realizan este tipo de entidades para prestar un mellor servizo aos galegos.

Trenor destacou que AGAL colabora de forma activa co Goberno galego. Forma parte do Consello Asesor de Pacientes, órgano de asesoramento do Servizo Galego de Saúde que ten como finalidade avanzar na mellora da seguridade de pacientes, familiares e persoas coidadoras e en incrementar a calidade dos servizos sanitarios. Tamén participa nas actividades da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, organismo orientado á formación de pacientes, familia e cidadanía en materia de saúde. Neste senso, Trenor puxo en valor o excelente traballo desta entidade, creada en 1997, orientada a acadar unha mellor calidade de vida para as persoas con lupus e as súas familias.

No segundo dos encontros, cos representantes de Asdegal, Trenor lembrou a intensa colaboración da Xunta con esta asociación para a realización de programas de Voluntariado. No 2021 recibiron varias axudas do Goberno galego para o fomento e realización de actividades de voluntariado e para levar a cabo programas de apoio socioeducativo para menores en risco de exclusión social. O delegado da Xunta recalcou o seu compromiso para seguir apoiando os proxectos desta ONG.

O Consello Asesor de Pacientes ten como finalidade avanzar na mellora da seguridade dos pacientes, familiares e coidadores, actuando como unha estrutura que sirva para incrementar a calidade dos servizos sanitarios, fomentando os niveis de participación e facilitando aos pacientes a información necesaria para a toma de decisións e calquera outra do seu interese.
 

Imaxes relacionadas