A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, participou hoxe na presentación do proxecto de conexión ferroviaria ao porto exterior

Ethel Vázquez destaca a contribución decisiva da Xunta á licitación do tren a Punta Langosteira e chama ao concello a desbloquear a recuperación da fachada marítima da Coruña

Vázquez Mourelle lembra que a determinación da Xunta e do seu presidente acadaron hai un ano o compromiso do ex ministro Ábalos con esta infraestrutura estratéxica

Amosa a satisfacción do Goberno galego pola conexión ferroviaria a Punta Langosteira, un investimento total de máis de 170 M€ licitado hai xa dúas semanas, e solicita que as obras comecen canto antes
Pide que o Concello aclare cal é a súa postura en relación coa recuperación dos peiraos interiores logo de aprobar uns orzamentos que contradín plenamente as negociacións mantidas coa Xunta e o Porto

Subliña que a Xunta agarda o certificado de crédito do Concello para licitar xa as obras da terminal de autobuses da estación intermodal cun investimento de 30 M€
 

A Coruña, 11 de marzo de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe a contribución decisiva da Xunta á licitación do tren a punta Langosteira e chamou ao Concello a desbloquear a recuperación da fachada marítima da Coruña.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou hoxe na presentación da conexión ferroviaria do Porto Exterior da Coruña no pazo de María Pita.

A conselleira salientou o compromiso acadado polo presidente da Xunta con esta infraestrutura no encontro co ex ministro Ábalos, celebrado en Madrid o 10 de marzo de 2021.

Esa implicación da Xunta, apuntou, fixo posible que a conexión ferroviaria ao Porto Exterior da Coruña sexa xa unha actuación en marcha, licitada hai 2 semanas.

Un encontro no que, tal e como dixo a titular de Infraestruturas e Mobilidade, se entendeu a postura da Xunta sobre a necesidade de impulsar esta infraestrutura estratéxica e determinante para o futuro da Coruña e para a súa área, e para toda Galicia. Tamén, explicou, se atendeu a proposta de financiar esa conexión ferroviaria de Punta Langosteira aproveitando a oportunidade dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, os Next Generation UE.

Ethel Vázquez tamén puxo en valor o esforzo e o traballo realizado pola Autoridade Portuaria da Coruña, organismo promotor da obra, que lle encomenda a contratación e a execución das obras a ADIF, e que será, en último termo, titular das instalacións. A Autoridade Portuaria, unha institución en cuxo Consello están representadas todas as administracións, asumiu nesta actuación un importante traballo técnico que incluíu, entre outras cuestións, a xestión das expropiacións, destacou Ethel Vázquez.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade amosou a satisfacción da Xunta pola conexión ferroviaria a Punta Langosteira, unha obra que supón un investimento total de máis de 170 M€ nesta área, así como polo feito de que estea xa en proceso de contratación e, polo tanto, se nada o impide, non ten volta atrás, subliñou.

Ethel Vázquez afirmou que os motivos para ser positivos obrigan tamén a pensar no que queda por facer, polo que a Xunta agarda que as obras comecen a materializarse canto antes.

Do mesmo xeito, a conselleira sinalou a necesidade de que o Concello da Coruña aclare a súa postura en relación coa recuperación da fachada marítima da cidade para o uso e desfrute por parte dos coruñeses.

A este respecto, lembrou que a Xunta, o Concello e a Autoridade Portuaria negociaron durante máis dun ano un acordo para impulsar xuntos esa recuperación. Sen embargo, apuntou, os Orzamentos para o ano 2022 aprobados agora polo goberno municipal contradín plenamente o sentido desas negociacións.

Ethel Vázquez indicou que a conexión ferroviaria de Punta Langosteira é un gran obxectivo en si mesmo, na medida en que garante a viabilidade do Porto Exterior e lle dá pleno sentido á construción desa infraestrutura, ao tempo que potencia a competitividade de toda esta área.

Pero, ademais, sinalou, é importante para a construción urbana, na medida en que permite liberar os peiraos interiores e abordar a súa urbanización e posta á disposición dos coruñeses, un obxectivo marcado hai xa 17 anos.

Para a titular de Infraestruturas e Mobilidade este é un obxectivo que require de implicación e de investimentos, que así é por parte da Xunta, que ten consignados nos seus Orzamentos 20 M€ para a recuperación da fachada marítima da Coruña. Pero cómpre, tamén, que o Concello concrete cal é a súa postura sobre a recuperación da fachada marítima, dixo.

A conselleira incidiu na necesidade de que o goberno municipal se centre no presente e no futuro da cidade, en proxectos como o da fachada marítima da Coruña ou como o da estación intermodal, para o que a Xunta agarda que se lle remita, de forma inmediata, o certificado de crédito que permita licitar as obras da terminal de autobuses xa, cun investimento de 30 M€.

Ademais a Xunta espera que o Ministerio de Transportes licite canto antes a nova terminal ferroviaria.
 

Imaxes relacionadas