A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou hoxe esta Lei autorizada onte no Consello da Xunta e remitida ao Parlamento para a súa tramitación

A Lei do ciclo da auga prevé un programa de formación para que os concellos avancen cara a xestión profesionalizada do abastecemento e a depuración

Vázquez Mourelle destaca que esta Lei transformadora marcará un punto de inflexión no coidado das augas, contribuíndo á protección da saúde pública, do medio natural e de actividades como a pesca, o marisqueo ou o turismo

Sinala que os concellos poden solicitar de xeito voluntario á Xunta a xestión profesional dos seus servizos da auga, garantindo unha prestación eficiente as 24 horas do día e os 365 días do ano

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou hoxe o proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, que prevé a creación dun programa de formación para que os concellos avancen cara a unha xestión profesionalizada do abastecemento, do saneamento e da depuración.

Vázquez Mourelle, xunto co secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, e o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, detallou o contido desta Lei aprobada onte no Consello da Xunta e remitida ao Parlamento para a súa tramitación.

Destacou que este marco novo normativo consta de tres piares: o coñecemento da realidade, a planificación e a profesionalización. Así, subliñou que a Xunta creará e manterá actualizado un inventario dos sistemas de abastecemento, saneamento e depuración de Galicia, poñendo á disposición dos municipios un sistema de intercambio de información.

Adiantou que Augas de Galicia tamén achegará aos concellos directrices para mellorar a xestión da auga, para a redacción de plans de control de vertido ás redes de colectores, para o saneamento en pequenos núcleos, para a optimización da xestión das pluviais ou para a mellora enerxética das instalacións.

Fixo fincapé en que se trata dunha Lei transformadora, estrutural e esencial que marcará un punto de inflexión no coidado das augas, contribuíndo a dar garantías para a saúde pública, o medio natural e as actividades como a pesca, o marisqueo ou o turismo.

Apoio cos concellos

A responsable autonómica de Infraestruturas remarcou que a norma está dirixida a regular o apoio aos concellos na xestión da auga, pois a prestación do abastecemento, o saneamento e a depuración é unha competencia municipal que leva aparelladas complexidades técnicas e económicas.

Puxo en valor a axuda que o Goberno galego leva trasladado aos concellos nos últimos 10 anos, coa execución de novas infraestruturas hidráulicas, moitas delas froito da elaboración de Plans de Saneamento Locais, que estudan e planifican os sistemas.

Grazas a ese coñecemento previo, a conselleira indicou que cómpre asegurar o correcto funcionamento das infraestruturas para evitar perder ata o 40% da auga en fugas nas redes, nun contexto de cambio climático e de crise enerxética.

Apuntou que non se pode permitir investir millóns de euros de diñeiro público en grandes infraestruturas, entregalas aos concellos e que logo os estudos efectuados refiran que a metade das depuradoras municipais teñen un funcionamento deficiente.

Remarcou que as infraestruturas hidráulicas deben funcionar de modo eficiente as 24 horas do días e os 365 días do ano, ofrecendo un servizo de calidade aos cidadáns, para o que é estratéxico un modelo de xestión profesional como o que prevé a citada lei.

Adhesión voluntaria, xestión profesional

Explicou que a Lei actúa nunha dobre dirección, dunha banda, establecendo un marco claro para orientar unha xestión eficiente do saneamento, a depuración e o abastecemento; e doutra banda, poñendo á disposición dos concellos un sistema de adhesión voluntaria para a xestión dos seus sistemas de forma profesionalizada.

O modelo consiste en que as entidades locais poderán encomendarlle á Xunta a xestión dos servizos da auga, tal como se vén facendo xa en 28 depuradoras municipais, ofrecendo aos concellos beneficiarios un enorme apoio técnico e económico.

A Lei establece que cando un concello solicite que Augas de Galicia asuma a xestión, por exemplo, da súa depuradora, realizarase unha auditoría integral que analizará como chega a auga polas redes de saneamento ou identificará vertidos, infiltracións ou excesos de caudal, entre outros parámetros.

Cando as auditorías evidencien a necesidade de executar obras, a Xunta comprométese a financiar un terzo do seu custo, debendo o Concello asumir outro terzo e podendo procurar o apoio doutras administracións para completar o orzamento.

A conselleira precisou que a proposta inicial era que ese outro terzo fose asumido de forma fixa pola deputación provincial correspondente, xa que estas administracións teñen o deber legal de prestar apoio aos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Non obstante, lamentou que deputacións como Pontevedra evidenciaron que non existe vontade de colaborar, a pesar de que é un deber legal e de que outras deputacións como a de Ourense levan anos apoiando aos concellos en materia de augas.

Por iso a Xunta apostou finalmente por unha fórmula máis flexible para o financiamento dese terzo restante do financiamento, abrindo a colaboración a outras administracións e entidades.

Servizos transparentes e igualitarios

Puntualizou que cando Augas de Galicia asuma a xestión dun servizo municipal do ciclo da auga, aplicará unhas tarifas transparentes e iguais en todos os concellos, garantindo prezos igualitarios nos servizos, con independencia de factores como a dispersión ou a orografía que encarecen a súa prestación en moitos lugares.

Recordou que neses casos non se aplicarán novas tarifas, senón que se reordenarán as existentes, de tal forma que se a Xunta pasa a xestionar a depuradora que antes xestionaba o concello, o canon de depuración deixa de cobralo a Administración local, xa que non se poderá cobrar dúas veces polo mesmo concepto.

Reiterou que se trata dun modelo optativo ao que os concellos se adhiren de forma totalmente voluntaria e cun coñecemento previo das tarifas e dos compromisos que deben asumir para obter garantías dunha xestión profesionalizada e eficiente dos servizos da auga.

A xestión agrupada das infraestruturas e a aplicación de economías de escala permitirá aforros de ata o 10%.

Imaxes relacionadas