A Xunta adxudica por preto de 3,3 M€ as obras da 1ª fase de mellora da estrada LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, no concello de Folgoso do Courel

Renovarase e mellorarase este treito de 3,5 quilómetros da vía autonómica nunha intervención que se executará co máximo respecto ambiental e minimizando afeccións nesta zona cun elevado valor ambiental, pois é parte da Rede Natura

Os traballos contan cun prazo de execución de 12 meses e iniciaranse na primavera, co obxectivo de telos rematados no verán do 2022

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 3.292.989 euros as obras da 1ª fase de mellora da estrada LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, no concello de Folgoso do Courel.
Esta actuación, adxudicada á UTE Ovisa Pavimentos y Obras, S.L.U.- Extraco, Construcións e Proxectos, S.A Construcións Obras e Viais, S.A. (Covsa), iniciarase nesta primavera, co obxectivo de ter rematadas as obras no verán de 2023, pois contan cun prazo de execución de 12 meses.

Para avanzar no inicio desta actuación na estrada LU-651 coa renovación e mellora do treito de 3,5 km, entre Ferrería Vella e Seoane, o proceso de adxudicación coordinouse ademais co proceso expropiatorio, estando convocado o levantamento de actas de ocupación dos terreos para o vindeiro día 23 de marzo.
A intervención executarase co máximo respecto ambiental e minimizando afeccións nesta zona cun elevado valor ambiental, pois forma parte da Rede Natura, con bosques autóctonos cun atractivo paisaxístico sen igual. Neste sentido, o deseño do proxecto conxuga a mellora da funcionalidade e da seguridade da vía e os valores ambientais.

Para minimizar as molestias aos veciños, o groso dos traballos realizarase no verán, cando xa non haxa colexio, para non incrementar os tempos de viaxe do autobús do CEIP Uxío Novoneyra.

Nesta 1ª fase ensancharase a estrada para dotala de 2 carrís de 3 metros e beiravías de 50 cm. Tamén se executarán cunetas de seguridade transitables, de 90 cm de ancho, que mellorarán a seguridade.

O proxecto inclúe a rectificación de varias curvas, alí onde a orografía o permita, tendo en conta que a traza da estrada está marcada pola presenza do río Lor no fondo do val, con pendentes moi elevadas, do 10% e radios reducidos.

Ademais será preciso ampliar 2 pontóns existentes neste treito, que se fará a través de taboleiros de vigas e laxas voadas para minimizar a afección.

As obras recollen a mellora da drenaxe da propia plataforma e a drenaxe lonxitudinal e transversal; a construción de 2 muros de sostemento de terras; e a renovación dos sistemas de contención dos vehículos, ademais da mellora do firme da estrada en todo este treito de 3,5 km, xunto coa renovación da sinalización.

Tamén se habilitará un aparcadoiro para autobuses en Seoane, ao carón da parcela onde están actualmente os servizos de Protección Civil, co fin de facilitar a chegada de turistas e visitantes.

No lugar de Ferrería Vella renovarase a marquesiña existente á saída do núcleo e pavimentarase a travesía.