A conselleira de Política Social participou na apertura da xornada ‘Diálogos Universidade-Maiores no século XXI’, organizada por Fegaus

Fabiola García sinala que as persoas maiores demandan máis opcións para vivir esta etapa vital con toda a plenitude

Destaca que máis de 2200 persoas maiores están matriculadas neste curso académico nalgún dos cursos ou estudos postos a disposición polas universidades galegas co apoio da Xunta

Lembra a importancia de escoitar as preferencias das persoas maiores para vivir onde e como prefiran e sinala que cada vez máis persoas aproveitan a xubilación para emprender novos proxectos, viaxar ou formarse

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que as persoas maiores demandan máis opcións para vivir esta etapa vital con toda a plenitude. Esta mañá participou na apertura da xornada ‘Diálogos Universidade-Maiores no século XXI’ organizada por Fegaus, onde insistiu na necesidade de escoitar as preferencias das persoas maiores e darlles todas as facilidades para poder desenvolver os seus proxectos vitais onde e como queiran.
Fabiola García destacou que cada vez máis persoas aproveitan os anos de xubilación para emprender novos proxectos, para viaxar ou para cursar estudos universitarios. Neste sentido, apuntou que máis de 2200 persoas maiores de 65 están matriculadas neste curso académico 2021-22 nalgún dos estudos ou cursos postos a disposición polas tres universidades galegas co apoio da Xunta de Galicia. Para atender ás preferencias de todos eles, a conselleira sinalou que o Goberno galego traballa na creación dun Consello do Maior que aglutine os seus requirimentos e propoña alternativas de ocio e envellecemento activo.
A conselleira apostou por reforzar a colaboración con entidades como Fegaus e coas universidades para dar resposta a esta crecente demanda. Así mesmo, lembrou que tamén é necesario dar resposta a outra das realidades que está afectando ás persoas maiores nestes momentos como é a crecente fenda dixital. Afirmou que se deben eliminar os obstáculos que impiden ás persoas maiores acceder a servizos básicos como un caixeiro, realizar trámites electrónicos ou facer videoconferencias cos seus familiares e amigos.

Aulas Cemit

Para dar resposta a esta situación, o Goberno galego puxo en marcha no ano 2011 as aulas Cemit que forman a persoas maiores en competencias dixitais. Esta rede conta na actualidade con preto dun cento de centros por toda a Comunidade, nos que participan máis de 104.000 maiores e que permitiu neste tempo que máis do 87% dos galegos empreguen internet.

Así mesmo, tamén resaltou que a Xunta colabora co tecido social galego para poñer en marcha iniciativas que atendan a esta problemática. Unha das entidades máis activas neste eido é Fegaus, que pon en marcha programas de dixitalización en zonas rurais e nas cidades a través da orde de axudas con cargo ao 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), da que recibiu preto de 200.000 euros no último ano.

Imaxes relacionadas