O Sergas publica a relación de aspirantes seleccionados para o acceso á categoría de persoal de servizos xerais en prazas reservadas á quenda de discapacidade intelectual

O número de aspirantes seleccionados é de nove

Con esta publicación, iníciase o prazo dun mes para presentar a documentación prevista, como trámite previo ao seu nomeamento
 

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a Resolución do 2 de marzo de 2022 da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se fai público o acordo do tribunal que xulga o proceso selectivo para o ingreso na categoría de persoal de servizos xerais en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, relativo á baremación definitiva da fase de concurso e á publicación dos aspirantes seleccionados. O número de aspirantes seleccionados é de nove.
Con esta resolución iníciase o prazo dun mes a contar desde o día seguinte á súa publicación para a presentación polos aspirantes seleccionados da documentación preceptiva que se indica na base 9) da convocatoria.
Na páxina web do Servizo Galego de Saúde poñeranse a disposición das persoas seleccionadas os modelos que deben cumprimentarse, que se requiren na citada base.
O Sergas iniciou, no ano 2018, a convocatoria de procesos selectivos para o ingreso como persoal estatutario fixo de persoas que acrediten unha discapacidade intelectual, a través dunha quenda diferenciada coas pertinentes adaptacións de temarios e tempo de realización das probas, co obxecto de garantir a concorrencia destes aspirantes en condicións de igualdade ao emprego público, facilitando así a súa integración laboral.

Convenios de colaboración

Co fin de facilitar este labor e realizar actividades de asesoramento e apoio na inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual, a Consellería de Sanidade ten asinados convenios de colaboración coas entidades FADEMGA Plena Inclusión, DOWN Galicia e Aspace Galicia.
Na actualidade, xa están a prestar servizos nas institucións sanitarias do Sistema Público de saúde galego, con vínculo fixo, un total de 30 celadores e 11 técnicos en coidados auxiliares de enfermería.
Así mesmo están convocados xa novos procesos selectivos para o acceso ás categorías de pinche (39 prazas) e técnico de farmacia (10 prazas), que realizarán os exercicios da fase de oposición no segundo trimestre deste ano, aos que se sumarán proximamente novos procesos para a cobertura de 25 novas prazas por esta quenda de acceso, 15 na categoría de celador e 10 na de grupo auxiliar da función administrativa, incluídas no decreto de oferta de emprego público de persoal estatutario para o ano 2021.
A integración laboral no ámbito sanitario das persoas con discapacidade esténdese tamén á selección temporal, dispoñendo na actualidade de listas na categoría de celador para a cobertura de prazas polo sistema reservado a persoas que acrediten esta discapacidade.
Xunto ás medidas de selección e provisión, o Servizo Galego de Saúde, en colaboración coa Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, ten deseñados plans específicos de formación para as persoas con este grao de discapacidade, conscientes de que a formación continuada é unha ferramenta de apoio e un recurso necesario para os traballadores con discapacidade intelectual ao longo da súa vida laboral, que ten como obxectivo desenvolver coñecementos, habilidades e aptitudes así como prestar apoios especializados en situacións laborais cotiás que deberán axudalos no seu proceso de inclusión e integración.