O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a responsable da fundación, Nathalie Chaix, asinan un convenio para este fin

A Xunta colabora con Fondation Amigo para facilitar a incorporación de alumnos de FP básica do CIFP Politécnico de Santiago á modalidade dual

Este curso xa se benefician nove alumnos do ciclo de Carpintaría e moble, que realizarán formación en outras tantas empresas

A fundación encárgase da compensación económica, con bolsas de 800 euros ao mes para cada estudante

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a responsable de Fondation Amigo, Nathalie Chaix, asinaron un convenio para facilitar a incorporación de alumnos de Formación Profesional de grao básico do Centro Integrado Politécnico de Santiago á modalidade Dual.

Neste mesmo curso son nove os alumnos beneficiados, todos eles estudantes de segundo curso do ciclo de FP Básica de Carpintaría e moble no centro compostelán, que completarán o período de formación en varias empresas colaboradoras ata o vindeiro mes de xuño.

Colaboran con esta iniciativa as empresas Exfopino, Carpintería e montaxe O Sixto, Tapicerías Brey, José Rivas Laya, Maderas Muvar, JSeoane Design, Antonio García Arnejo, Ángel Otero Fernández e Adrián Corral Sesar. Será a Fondation Amigo a que, a través do seu programa Bolsas Amigo, se faga cargo da compensación económica ao alumnado, con bolsas de 800 euros ao mes para cada un dos estudantes participantes na formación Dual.

Pola súa banda, a Consellería –a través do CIFP Politécnico de Santiago–, encárgase do período de formación dos estudantes no centro educativo, así como do seguimento e avaliación do alumnado implicado. O convenio estará vixente ata 2025, polo que nos vindeiros cursos poderán seguir ampliándose os beneficiarios desta iniciativa.

 

Esta iniciativa avanza no obxectivo da Xunta, a través da nova Estratexia de FP Galicia 2030, de avanzar na implantación desta modalidade no grao básico. Cómpre lembrar que a Dual rexistrou no último estudo unha inserción laboral de case o 97%, polo que a extensión da mesma é unha aposta pola empregabilidade dos titulados.

Imaxes relacionadas