A Xunta licita a mellora da seguridade viaria no tramo de concentración de accidentes da estrada autonómica PO-504 en Sanxenxo por 818.000€

O delegado territorial, Luis López, informa da apertura do proceso de contratación desta obra nunha visita a esta vía entre Sanxenxo e Vilalonga acompañado do alcalde, Telmo Martín

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas a través da sede electrónica da Xunta ata o vindeiro 6 de abril

Sanxenxo, 11 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, licitou hoxe as obras de mellora da seguridade viaria no tramo de concentración de accidentes (TCA) da estrada autonómica PO-504 no Concello de Sanxenxo por un importe de 818.284 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou esta mañá da apertura do proceso de contratación desta obra nunha visita a esta vía, que une Sanxenxo coa localidade de Vilalonga, acompañado polo alcalde, Telmo Martín, outros representantes municipais e membros da Axencia Galega de Infraestruturas.
“Seguimos investindo nas infraestruturas viarias de Sanxenxo, un municipio que acolle diariamente miles de vehículos e que nas épocas máis turísticas multiplica o seu tráfico. Así, apostamos por accións que contribúan a reforzar a seguridade viaria e a mellorar a fluidez do tráfico e por iso impulsamos esta obra tras reformar o acceso á localidade dende a Autovía do Salnés e de acometer outros proxectos na estrada PO-308”, explicou o representante autonómico.
As empresas interesadas en acometer esta actuación, que disporán dun prazo de execución de doce meses, poden presentar as súas ofertas a través da sede electrónica da Xunta ata o vindeiro 6 de abril.
Esta mellora da seguridade viaria na PO-504, que se enmarca na estratexia da consellería de eliminar os TCA da rede autonómica, prevé obras de reordenación da calzada con cambios en ata cinco interseccións, incluíndo a construción dunha glorieta, nun treito de 1.700 metros de lonxitude comprendido entre os puntos quilométricos 1+300, á altura do lugar de Vinquiño, e o 3+000, na entrada de Gondar.
A principal mellora desta actuación consiste na creación dunha nova rotonda entre os puntos quilométricos 2+000 e 2+2000, no cruce coas estradas provinciais EP-9206 e EP-9204, por ser unha zona de confluencia de vehículos onde se rexistran a maior parte dos accidentes de tráfico desta vía.
Así mesmo, acometeranse distintos traballos noutras catro interseccións consistentes na execución de carrís de agarda, pequenas cuñas de cambio de velocidade, pintado de pasos de cebras, zonas de limitación de aparcamento nos dez metros anteriores aos cruces para favorecer a visibilidade, reconfiguración das paradas de autobús e reforzo da sinalización horizontal e vertical.

Imaxes relacionadas