A segunda edición da aula gastronómica Galicia Calidade bota a andar en Pontedeume cun showcooking de Álvaro Villasante

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, asistiron á demostración que ofreceu o cociñeiro para unha vintena de estudantes do CIFP Fraga do Eume

A iniciativa ten por obxectivo achegar os produtos e marcas de Galicia Calidade á próxima xeración de profesionais da hostalería
 

Pontedeume (A Coruña), 11 de marzo de 2022

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, asistiron hoxe no CIFP Fraga do Eume de Pontedeume á demostración do cociñeiro Álvaro Villasante, coa que botou a andar a segunda edición da Aula Gastronómica Galicia Calidade.

Tal e como destacou a xerente do organismo dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, con esta proposta “quérese dar a coñecer as empresas e produtos que se aglutinan baixo a marca Galicia Calidade ao alumnado dos principais centros de hostalería da comunidade”. Nas palabras de Méndez, este tipo de iniciativas axudan a “familiarizar ao estudantado cos produtos da nosa terra e as empresas que traballan con eles”.

Deste modo, incidiu a xerente, “cando comecen a súa andadura profesional, terán xa un vínculo establecido cos alimentos e marcas galegas, referentes de calidade para o público”. Méndez anunciou, asemade, que entre todos os alumnos e alumnas participantes de todas as accións formativas sortearase unha cea ou comida no restaurante da elección da persoa premiada, de entre os que participan na acción.

Pola súa banda, a delegada territorial, Martina Aneiros, resaltou a importancia de propostas deste tipo para poñer en valor os produtos da terra e subliñou o impulso que esta iniciativa supón a nivel galego, achegando aos centros educativos figuras destacadas da gastronomía galega, como neste caso Álvaro Villasante, propietario do restaurante Paprica (Lugo).

Na demostración culinaria á que hoxe asistiron unha vintena de alumnos do CIFP Fraga do Eume os protagonistas foron tres produtos de referencia de Galicia Calidade: a pescada de pincho de Celeiro, o touciño de porco e o polbo. Colaboraron na iniciativa varias empresas do selo galego: Jamones González, Terras da Mariña, Puerto de Celeiro, Rosa de los Vientos, Queixería Daniberto e Nor-Ibérica de Bebidas.

A demostración gastronómica contou tamén coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia, que a través da iniciativa Artesanía no Prato busca establecer sinerxías entre artesanía, gastronomía e deseño.

Traxectoria profesional

Álvaro Villasante conta con máis de 20 anos de experiencia en cociña, nos que percorreu varios establecementos de España e Estados Unidos. Na actualidade é propietario e xerente do Restaurante Paprica, que abriu en 2007 e que desde entón acadou o distintivo Q de Calidade, mención na Guía Michelín e o selo Galicia Calidade. É membro do Grupo Nove, que aglutina a 22 grandes chefs da comunidade co obxectivo común de unir tradición e modernidade, poñendo en valor os produtos galegos.

A Aula Gastronómica Galicia Calidade terá a súa seguinte cita o próximo mércores, 16 de marzo, no IES Villamarín, de Ourense, cunha masterclass de Javier Outomuro, de A Taberna. No mes de marzo, a iniciativa viaxará tamén ata o CIFP Compostela de Santiago, que visitará o día 23 cunha clase maxistral de Yayo Daporta. Pechará o mes no CIFP Manuel Antonio de Vigo, onde estará Héctor López o día 29 con dous obradoiros para o alumnado.
 

Imaxes relacionadas