A Xunta impulsa unha normativa específica para regular e ofrecer as máximas garantías á compostaxe comunitaria

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda inicia a consulta pública previa do futuro decreto que determinará as condicións e criterios desta actividade

Defínese como compostaxe comunitaria aquela xestión dos residuos orgánicos domésticos, tratados nunha instalación común, coa que se pretende acadar un recurso para empregalo como fertilizante ou substrato de cultivo

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2022

Galicia contará cunha norma propia, impulsada pola Xunta, que regule e ofreza as máximas garantías a todas aquelas iniciativas de compostaxe comunitaria que se desenvolvan na Comunidade.

A compostaxe comunitaria é aquela xestión dos residuos orgánicos domésticos, producidos nos fogares, restaurantes ou servizos de restauración colectiva, tratados nunha instalación común —creada para o efecto—, coa que se pretende acadar un recurso para empregalo como fertilizante ou substrato de cultivo.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou no portal de transparencia a consulta pública previa do Decreto polo que se desenvolverá o réxime xurídico das actividades de compostaxe comunitaria, para que durante un período dun mes todos os interesados podan trasladar as súa achegas.

Con esta normativa específica quérese reforzar a confianza e seguridade xurídica nas posibilidades que ofrece esta actividade, para impulsar a súa implantación mediante a difusión das súas características, requirimentos e potencialidades.

O decreto recollerá as condicións técnicas das instalacións e actividades de compostaxe comunitaria que, co fin de promover a súa práctica, contribúan a lograr un elevado nivel de protección ambiental e cuxo resultado responda a uns estándares de alta calidade.

Tamén determinará aqueles casos de compostaxe comunitaria que só deberán someterse ao réxime de comunicación —por cumprir os condicionantes ou previsións contidas na nova norma e en base as súas características e mínimas afeccións ao ambiente—, e que se diferenzan doutras actividades consideradas de tratamento de residuos e, polo tanto, sometidas a autorización.

Cómpre lembrar que, conforme ás directrices nesta materia establecidas pola Unión Europea, os concellos teñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar a recollida selectiva da materia orgánica contida nos residuos urbanos. Non obstante, esta normativa non será aplicable á compostaxe, que se considera unha operación de prevención de residuos.

Así, a futura normativa facilitará ás entidades locais un marco xurídico actualizado, e en sintonía coa Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, para acadar os obxectivos de preparación para a reutilización e reciclado impostos pola normativa comunitaria, no que atinxe aos biorresiduos.

Este tipo de instalacións completarán o traballo que xa realiza a rede de composteiros de Sogama, formada na actualidade por máis de 18.000 —con capacidade para 390-400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables—, presentes en 222 concellos, 179 centros educativos e 29 colectivos sociais.

Imaxes relacionadas