Alfonso Rueda destaca a contribución do talento dos emprendedores pontevedreses á creación de emprego e á dinamización económica da provincia

O vicepresidente primeiro da Xunta asistiu esta tarde á gala dos XXV Premio Xove Empresario do Ano, que organiza AJE Pontevedra e na que entregou o Premio Honorífico ao presidente das bodegas Martín Códax, Xoan Allegue

Sinalou que os proxectos presentados son unha mostra do talento empresarial da xuventude galega que a través da innovación está a poñer en marcha novas empresas pese ao impacto da covid-19

O Goberno galego destina 2.600M€ nos orzamentos deste 2022 á recuperación económica e leva investidos xa no que vai de ano 23M€ para favorecer o emprendemento xuvenil e apoiar aos autónomos

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 10 de marzo de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu esta tarde ao XXV Premio Xove Empresario do Ano, organizado por AJE Pontevedra, á que agradeceu a súa implicación no fomento do talento dos novos emprendedores e o asesoramento e colaboración que lles prestan para a posta en marcha de novas iniciativas empresariais na provincia pontevedresa.
Na gala, na que estivo acompañado pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns, do director do Igape, Fernando Guldrís, e do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, fixo entrega do Premio Honorífico ao presidente das bodegas Martín Códax, Xoan Allegue, polo seu exemplo para a mocidade emprendedora dentro e fóra do sector vitivinícola.
Na súa intervención destacou o talento dos emprendedores pontevedreses e a súa contribución á dinamización económica e á creación de emprego na provincia, así como o importante papel que desempeña a xuventude que innova na recuperación económica.
Así, incidiu en que os finalistas e premiados hoxe son unha representación do enxeño empresarial da mocidade galega e do espírito inconformista do tecido empresarial galego que soubo reiventarse ante a nova situación económica derivada da pandemia do coronavirus con propostas innovadoras como as presentadas a esta edición dos galardóns de AJE Pontevedra. “Emprendedores e autónomos son a columna vertebral da nosa economía e co seu esforzo axudan a asentar a marca Galicia”, asegurou o vicepresidente primeiro da Xunta.
Como exemplo desta adaptación ao novo escenario xurdido coa pandemia, lembrou que as exportacións en Galicia sumaron en 2021 máis de 25.000M€, un 21,1% máis que o ano anterior, mentres que en Pontevedra aumentaron un 11,2% ata superar os 12.000M€ e manténdose como a provincia galega con máis vendas ao exterior. Ademais, a provincia sumou no último ano 1.503 novas empresas, 4 ao día, e un 20,6% máis que en 2020.
Coa mirada posta no futuro e co ánimo de fomentar unha economía dixital e sustentable, os orzamentos da Xunta destinan este ano 2.600M€ á recuperación da economía galega e, segundo lembrou Alfonso Rueda, o Goberno galego traballa no Plan Estratéxico 2030 e na candidatura de proxectos para que Galicia opte aos fondos europeos Next Generation.
A Xunta activou novas liñas para abordar coas pequenas empresas a súa adaptación na transformación dixital como programa Empresa Dixital ao que destinou 1M€ e leva investidos nos últimos meses máis de 600M€ en axudas directas para os autónomos e pemes dos sectores máis afectados pola covid-19.
No eido laboral, avanzou que ese ano porase en marcha, entre outros, o Plan Emprega Xuventude que, dotado con 51,8M€, impulsará a cualificación profesional dos máis novos, ao tempo que promoverá a contratación, ofrecendo novas posibilidades de inserción laboral. Tamén se executará o Plan Emprega Muller, con 34,3M€ cos que financiar, entre outros, 5 programas dirixidos a impulsar o talento e a inserción laboral feminina.

No campo do emprendemento, Alfonso Rueda afirmou que neste ano sentaranse as bases para a definición dunha nova Estratexia do emprego autónomo de Galicia co obxectivo de reforzar as axudas dirixidas ao inicio da actividade por conta propia como o programa de Promoción do Emprego Autónomo, dotado con 12M€, e outras destinadas a apoiar a continuidade e consolidación do emprego autónomo como é o caso do Bono Autónomo, con 8M€ investidos na mellora da súa competitividade. Neste senso, a Xunta leva activados no que vai de ano 23M€ en apoio a este colectivo.

Imaxes relacionadas