Os profesionais do mar de Galicia retiraron co apoio da Xunta preto de 120 toneladas de lixo do litoral entre 2020 e 2021

Os trece proxectos colectivos desenvolvidos nestes dous anos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños recibiron unha achega pública global de case 620.000 euros, implicaron tarefas de limpeza durante un total de 125 días e contaron coa participación de medio milleiro de persoas

Dous informes analizados hoxe polo Consello da Xunta mostran que entre os refugallos retirados das costas galegas hai produtos naturais como algas ou paus de madeira, plásticos, metais, teas, gomas, vidro ou cerámica

O sector pesqueiro e marisqueiro galego recolleu entre os anos 2020 e 2021 preto de 120 toneladas de lixo das costas galegas ao abeiro de trece proxectos colectivos desenvolvidos no marco das convocatorias de axudas da Conselleria do Mar para accións de protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos no mar.
Así o recollen dous informes analizados hoxe polo Consello da Xunta sobre estas iniciativas, apoiadas polo Executivo galego e financiadas polo Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro (FEMP). Estas accións contaron cunha achega global de preto de 620.000 euros e poden ser desenvolvidas por confrarías de pescadores, organizacións de produtores pesqueiros e outras entidades asociativas do sector en Galicia como as ONG en alianza coas entidades do sector ou conxuntamente cos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP).
Dos 13 proxectos desenvolvidos, dez consistiron na recollida activa de lixo por mariscadoras e mariscadores e embarcacións -con días de saída específica para retirar residuos de determinadas zonas- e tres de recollida pasiva, sacando do litoral os refugallos que chegan nos aparellos durante os traballos ordinarios de pesca ou de extracción de recursos marisqueiros.
As actividades de limpeza realizáronse nun total de 125 días entre 2020 e 2021 e nelas participaron máis de 500 persoas, unhas 270 persoas mariscadoras a pé e catro embarcacións na recollida activa de lixo e case 260 persoas e oito embarcacións na retirada pasiva. O seu labor contribuíu a retirar esas preto de 120 toneladas de refugallos entre as que se atopaban preto de 32.000 quilos de produtos naturais (como algas, pólas ou paus de madeira, entre outros), máis de 22.000 quilos de elementos de plástico ou preto de 16.000 quilos de vidro ou cerámica. A eles engádense residuos téxtiles, de metal, goma ou doutros materiais variados.
Aos resultados recollidos nos informes avaliados polo Executivo galego hai que sumar tanto os das accións pendentes de desenvolver este ano no marco dos proxectos plurianuais aprobados en 2021 como os da convocatoria de axudas deste exercicio, que contan cun orzamento dun millón de euros a repartir entre 2022 e 2023 e que están en proceso de tramitación.

Implicación do sector

As iniciativas desenvolvidas ao abeiro das axudas da Consellería do Mar son un exemplo do elevado grado de implicación do sector na protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, como demostra tamén o feito de que o 61% dos plans de marisqueo xeral para o período 2021-2023 e o 69% dos plans de xestión de recursos específicos de 2022-2024 inclúan accións de recollida de lixo mariño nos seus obxectivos ecolóxicos a tres anos.
Todos estes proxectos enmárcanse no plan MarLimpo da Consellería do Mar, co que se pretende contribuír a acadar un ambiente costeiro e mariño limpo, saudable, produtivo e bioloxicamente diverso e unha redución da cantidade de residuos existentes nas zonas costeiras. A través del tamén se busca que os sectores pesqueiro e marisqueiro integren nas súas operativas boas prácticas que contribúan á protección do medio mariño.