A Xunta apoiou con máis de 860.000 € a 23 empresas da comarca de Santiago para promover as vendas no exterior a través de ferramentas dixitais innovadoras

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor visitou a empresa Cultura Urbana Shop, unha das beneficiarias o ano pasado das axudas de Galicia Exporta Dixital

A Vicepresidencia segunda e consellería de Economía, Empresa e Innovación, ten aberta a nova convocatoria de este ano con axudas que oscilan para gasto subvencionable por empresa entre a 18.000€ e os 100.000€
 

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou esta maña a empresa Cultura Urbana Shop, beneficiada o ano pasado cunha axuda de case 44.200 euros do programa de axudas Galicia Exporta Dixital, que busca facilitar e promover a internacionalización do tecido produtivo a través de ferramentas tecnolóxicas innovadoras. O representante do Goberno galego destacou que, o ano pasado, recibiron estas axudas 23 empresas da comarca de Santiago que contaron cuns apoios que ascenderon a máis de 860.000 euros e mobilizaron un investimento de máis dun millón de euros.

Durante a visita, o delegado da Xunta lembrou que nestes momentos está aberta a nova convocatoria do programa Galicia Exporta Dixital. A nova edición conta cun orzamento da Xunta de Galicia de 4,4 M€ co obxectivo de apoiar a expansión internacional de empresas —especialmente pemes— e autónomos, a través de novas canles de comercialización partindo de ferramentas dixitais innovadoras. O prazo de solicitude está aberto ata o 25 de abril.

As axudas son de concorrencia non competitiva e cobren ata un máximo do 80% dos gastos e investimentos necesarios para desenvolver e implementar o plan de internacionalización dixital. Pódese presentar unha única solicitude por empresa cun gasto subvencionable de entre 18.000 e 100.000 euros.

No caso de empresas do sector da produción agraria e da pesca, o gasto subvencionable mínimo pode ser igual ou superior a 14.000€, cun máximo de 37.500€ no caso de empresas do sector da pesca e de 25.000€ para as de produción agraria.

Os apoios da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación permitirán aos beneficiarios acometer actuacións de consultoría como diagnóstico de potencial exportador dixital, plans de internacionalización dixital multicanle, plans de mercados electrónicos concretos ou cubrir gastos de asesoría xurídica e legal para a internacionalización dixital. Tamén adquirir software relacionado con solucións tecnolóxicas para crear, xestionar e conectar catálogos dixitais internacionais, programación a medida, solucións de analítica ou intelixencia automatizada así como de inbound márketing ou mesmo crear e adaptar tendas online.

Con esta liña preténdese apoiar a transformación dixital do tecido empresarial galego para favorecer o aforro de recursos, a simplificación dos procesos e a apertura de novas canles de comercialización de produtos e servizos que faciliten o acceso a clientes e mercados de todo o mundo.

Balance 2021

O programa Galicia Exporta Dixital permitiu ata o de agora impulsar en toda Galicia máis de 330 plans de internacionalización encamiñados á promoción das empresas e os seus produtos en máis de 90 países, por importe de preto de 12 M€. Así mesmo, compleméntase coas liñas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, que contarán cun orzamento de 7,5 M€ para o ano 2022.

Esta serie de accións enmárcanse na nova Estratexia de Internacionalización de Galicia, que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores. Esta estratexia busca que as compañías galegas multipliquen por tres as exportacións a América do Norte, e dupliquen as súas vendas a América do Sur e
Asia, ademais de incrementar en máis dun 25% a facturación no Reino Unido. Para conseguir as devanditas metas, contémplase, como primeiro paso, un plan de acción inicial ata o 2023 que suma máis de 70 M€ para impulsar a recuperación económica do tecido empresarial galego tras a pandemia da covid-19.

Esta aposta pola internacionalización fixo de 2021 un ano histórico para as exportacións galegas. As vendas ao exterior da Comunidade superaron os 25.000 M€ o pasado exercicio, o que se supón un novo teito e un incremento do 21,1% con respecto a 2020. Cifras ás que cabe sumarlle outras como a subida do número de empresas exportadoras galegas, que marca tamén neste período un novo récord chegando ás 9360, un 31,5% máis que en 2020.

Imaxes relacionadas