A Xunta aproba o proxecto de Lei de mellora de xestión do ciclo integral da auga para acadar un servizo máis profesional e de calidade

Feijóo salienta que con esta lei Galicia opta polo instrumento máis eficaz e útil, que tende a man aos concellos e procura unha xestión profesional e de calidade dun servizo tan básico

Santiago de Compostela, 10 de Marzo de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta, a aprobación do proxecto de Lei de mellora de xestión do ciclo integral da auga. Un texto que, tal e como explicou, nace coa vontade de ofrecer unha xestión profesional e de calidade e de responder á demanda de axuda dos concellos para xestionar este servizo que é da súa competencia.

Logo de recordar que agora será remitido á Cámara galega para o seu perceptivo trámite parlamentario, Feijóo salientou que este novo marco normativo fíxase unha serie de obxectivos. Por unha banda, de cara a obter un mellor servizo perséguese un uso racional dos recursos hídricos, o aforro de auga, a optimización das redes de saneamento e a mellora da depuración. E, por outra, en relación á colaboración, ofrécese aos concellos con dificultades un modelo de adhesión para que cedan, se así o deciden de xeito voluntario, a xestión dos seus sistemas de saneamento, abastecemento ou depuración a Augas de Galicia.

Nese sentido, lembrou que este novo paso na liña de apoio aos concellos para que cumpran coas súas responsabilidades non é unha novidade, xa que o Goberno galego mobilizou desde 2009 máis de 1.000 M€ para executar obras e infraestruturas hidráulicas municipais.

Con respecto á lei, Feijóo fixo referencia a 6 grandes eixos. En primeiro termo, salientou que o texto persegue unha mellor xestión, apostando pola integración de servizos e pola profesionalización e xerando economías de escala. Tamén sinalou que regulará os modelos de xestión e o apoio aos concellos con máis dificultades, dándolles a posibilidade de que encomenden á Xunta a xestión das súas instalacións e ofrecendo apoio técnico e económico aos concellos que o soliciten. Ademais, subliñou, reordenará as taxas polos servizos de auga que se prestan desde a Xunta, respectando a autonomía municipal e sen crear novas taxas.

O texto pon o acento ademais nas actuacións nas redes para limitar a infiltración de augas brancas, para paliar vertidos e reducir fugas nas redes de abastecemento. E, por último, dixo, apostará pola transparencia e a participación real e efectiva na tramitación da lei, que foi sometida ao trámite de consultas públicas, ampliándose ata en dúas ocasións co fin de favorecer a posibilidade de facer achegas e suxestións.

Finalmente, o presidente da Xunta concluíu destacando que con esta lei Galicia opta polo instrumento máis eficaz e útil, que tende a man aos concellos e procura unha xestión profesional e de calidade dun servizo tan básico como é a auga.
 

Imaxes relacionadas