Feijóo proporá na conferencia de presidentes reducir o IVE da luz e do gas en España mentres dure a escalada masiva de prezos e cumprindo a normativa da Unión Europea

Precisa que Galicia trasladará a necesidade de baixar o IVE entre o tipo superreducido e o reducido

Incide en que nin o agro, o mar, a industria e os fogares poden seguir soportando os prezos da factura eléctrica e do gas

Avanza que a invasión de Ucraína e a pandemia serán outros dos puntos centrais da orde do día da reunión que terá lugar na Palma
 

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que Galicia proporá na Conferencia de Presidentes, que terá lugar o vindeiro 13 de marzo, a redución do Imposto de Valor Engadido (IVE) da luz e do gas en España, “mentres dure a escalada masiva de prezos e cumprindo a normativa da Unión Europea”, precisou.

“Trasladaremos a proposta de baixar o IVE entre o tipo superreducido e o reducido da electricidade e do gas”, anunciou, durante a rolda de prensa do Consello, lembrando que os Orzamentos Xerais do Estado estaban confeccionados cunha previsión de ingresos para un prezo do barril de petróleo a 60 euros; “e hoxe, está a máis do dobre, é dicir, a 140 euros, coa previsión de que nas vindeiras semanas siga subindo”.

Logo de resaltar que o litro de gasóleo podería chegar aos dous 2 euros, nos próximos días, Feijóo incidiu en que nin o agro, o mar, a industria e os fogares poden seguir soportando os prezos da factura eléctrica e do gas. “Así non se pode pescar, non se pode manter o gando e os fogares non poden seguir pagando estes prezos astronómicos”, abundou, resaltando que algunhas empresas xa se viron obrigadas a suspender a súa actividade ordinaria.

O presidente da Xunta concluíu subliñando que a invasión de Ucraína e a pandemia serán outros dos puntos centrais da orde do día da reunión, que terá lugar na Palma.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta