A conselleira de Política Social participou na Asemblea Xeral Ordinaria da Rede galega contra a pobreza (EAPN-Galicia)

Fabiola García sinala que a coordinación coas entidades sociais permite atender as distintas necesidades das persoas en risco de exclusión social

Destaca a importancia desta labor conxunta para facer fronte ás consecuencias socioeconómicas da pandemia sanitaria da covid-19

Lembra que o Goberno galego puxo en marcha axudas extraordinarias e inmediatas como a Tarxeta Básica, a maior orde de axudas a entidades ou a axilización da Risga e das AIS

Apunta como reto de futuro a elaboración da nova Lei de Inclusión Social de Galicia que reordenará o mapa de axudas públicas logo da posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital

Resalta a necesidade de actuar ante o impacto económico que xa está a ter nos fogares a guerra en Ucraína e puxo en valor a solidariedade amosada polo pobo galego ante esta crise humanitaria
 

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que a coordinación coas entidades sociais permite atender as distintas necesidades das persoas en risco de exclusión social. Esta mañá participou na primeira Asemblea Xeral Ordinaria presencial logo de dous anos da Rede galega contra a pobreza (EAPN-Galicia), onde resaltou o importante labor desta organización para actuar ante as consecuencias socioeconómicas da pandemia sanitaria da covid-19.
A conselleira lembrou que desde o inicio desta pandemia, a sociedade civil galega e as institucións traballaron da man e actuaron en dúas direccións: atendendo ás necesidades extraordinarias e máis urxentes e, posteriormente, facilitando as ferramentas e mecanismos necesarios para que as persoas en situación de vulnerabilidade puideran recuperar a súa autonomía e as rendas da súa vida.
Neste sentido, enumerou as medidas postas en marcha polo Goberno galego para atender a esta situación como a Tarxeta Básica, que na actualidade recibiron máis de 70.000 galegos para a compra de produtos de alimentación, hixiene e farmacia; a posta a disposición da maior orde de axudas a entidades sociais cun investimento de 18 millóns de euros; ou a axilización na tramitación das Axudas de Inclusión Social (AIS) ou a Risga para facilitarlles o acceso ás persoas que máis o necesitaban.

Lei de Inclusión Social

Fabiola García apuntou que nestes momentos é preciso mirar cara o futuro e trazar o camiño cara unha Galicia máis comprometida e responsable. Para iso, resaltou que o pasado mes de decembro a Xunta, os concellos e as entidades sociais asinaron a Axenda Social Única 2024 que contempla os compromisos dos distintos organismos para mellorar a vida das persoas en situación de exclusión. Así mesmo, a Xunta traballa nunha nova Lei de Inclusión Social, en colaboración co tecido social, para reordenar e actualizar as axudas públicas logo da posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital.

A conselleira puntualizou que tamén é importante ter en conta o impacto que a guerra en Ucraína xa está tendo na economía dos fogares galegos e estar preparados para facerlle fronte. Sobre este asunto tamén puxo en valor o espírito solidario que, unha vez máis, está a amosar a sociedade galega ante esta crise humanitaria. Lembrou que xa se puxeron a disposición máis de 1.400 prazas para acoller refuxiados por parte das administracións autonómica e local, das entidades sociais e tamén das persoas a nivel particular.

 

Imaxes relacionadas