A Xunta destaca que Smartiago permite xa avanzar na prestación de servizos innovadores á cidadanía de Santiago

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou xunto con responsables do Concello de Santiago algunhas das actuacións realizadas dentro desta iniciativa que conta co apoio da Administración autonómica

Trátase dun proxecto de compra pública de innovación centrado na busca de solucións tecnolóxicas para mellorar a mobilidade, a xestión dos residuos sólidos urbanos e a iluminación ornamental do patrimonio histórico

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou hoxe xunto con responsables do Concellos de Santiago de Compostela algunhas das actuacións xa realizadas dentro do proxecto de compra pública de innovación Smartiago, que conta co apoio da Xunta de Galicia.

A iniciativa, que permite avanzar na prestación de servizos innovadores á cidadanía de Santiago, céntrase na busca de solucións tecnolóxicas no eido das smartcities para mellorar a mobilidade e racionalizar os servizos de loxística de última milla na zona monumental; optimizar a xestión de residuos sólidos urbanos, definindo un novo modelo descentralizado na recollida e tratamento da fracción orgánica; e incorporar iluminación ornamental no patrimonio histórico máis sostible e con efectos biocidas.

A compra pública de innovación, na que Galicia é pioneira, é unha ferramenta de grande utilidade na mellora dos servizos públicos a través da incorporación de bens e servizos innovadores, así como no fomento da innovación empresarial e da internacionalización da I+D+i. No proxecto Smartiago, que conta cun orzamento de máis de 6 millóns de euros, dos que un 80 % son fondos FEDER e un 10 % fondos achegados pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, unen esforzos a Administración Xeral do Estado, a Administración autonómica e o Concello de Santiago de Compostela para acadar unha administración máis eficiente, moderna e innovadora, capaz de satisfacer as demandas da cidadanía.

Patricia Argerey puido coñecer hoxe algúns dos avances que xa se produciron no marco do proxecto, como a instalación de iluminación biostática Cromalux na Casa do Cabido ou de certos elementos de mobilidade nunha das entradas á cidade histórica, Porta Faxeira.

Imaxes relacionadas