A Xunta presenta unha visión contemporánea do teatro medieval galego e portugués coa nova edición do ciclo ‘Clásicas desfeitas’

A iniciativa desenvólvese ao abeiro do programa de residencias artísticas do Gaiás para apoiar o talento e levar o teatro máis aló das táboas tradicionais, ocupando espazos arquitectónicos naturais para a creación escénica

‘Arte sen guión’, da compañía Galeatro, inaugura o ciclo o 19 de marzo cunha comedia de especulación improvisada que bebe das cantigas de amigo e do Códice Calixtino

Continuará o 25 e 26 de marzo con ‘A barca do inferno’, reinterpretación do clásico portugués ‘Auto da barca’, nun anovador espectáculo de teatro acuático con monicreques na lagoa do Xardín Literario do Gaiás realizado por Moving Compass
 

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022

A Xunta presenta este mes os volumes 4 e 5 do ciclo Clásicas desfeitas, que este ano leva a escenarios non convencionais obras inspiradas na literatura medieval galega e na renacentista portuguesa. Os dous proxectos, están a tomar forma xa no marco do programa de apoio ao talento creativo das Residencias Artísticas do Gaiás co propósito de achegar unha ollada renovada e actual sobre o patrimonio cultural e artístico.

As propostas, que están coproducidas pola Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego, convidan a traballar ligando as artes escénicas coa creación contemporánea e coa arquitectura, ocupando espazos non teatrais. Un encontro aberto e diverso no que o clásico segue a ser recoñecible nestes anovadores espectáculos que reivindican o patrimonio á vez que atraen novos públicos.

Clásicas desfeitas arrinca este ano co volume 4, Arte sen guión, da compañía carballesa Galeatro. A obra terá dúas representacións, na tarde do sábado 19 e na mañá do domingo 20 de marzo, cunha divertida e singular posta en escena na galería de túneles que percorre os sotos do Gaiás.

Coas ferramentas da improvisación contemporánea, a comedia e a música, Arte sen guión constrúe unha especulación improvisada sobre como podería ter sido unha función de teatro galego da Idade Media, un xénero do que non se conservan rexistros escritos. O proxecto bebe das estruturas narrativas e dramáticas da época e dos materiais en lingua galega previos ao Rexurdimento, como as cantigas ou o Códice Calixtino, para presentar unha relectura en clave cómica dun tempo deostado que nos convida a cuestionar a nosa propia modernidade.

Galeatro é unha compañía con base en Carballo fundada polos actores Tone Martínez e Alba Bermúdez. Coñecida especialmente polos seus espectáculos didácticos, cos que ten percorrido gran parte dos centros educativos de Galicia, e a súa colaboración co Festival Internacional Outono de Teatro, suma á súa vertente artística un labor de formación teatral que no último ano chegou a máis de 200 estudantes. Con Arte sen guión, a compañía pretende dar un paso máis achegándose ao público xuvenil e adulto, sen esquecer as súas raíces.

Teatro na auga con mensaxe ecoloxista

A segunda peza desta edición de Clásicas desfeitas é A barca do inferno, que se inspira no clásico da literatura renacentista portuguesa Auto da barca escrito por Gil Vicente no século XVI. A partir del, a compañía Moving Compass está a construír un espectáculo innovador que destaca especialmente por empregar a auga, neste caso a lagoa do Xardín Literario da Cidade da Cultura, como escenario teatral.

Máscaras e marionetas forman o reparto dunha obra que renova tamén os temas do texto orixinal portugués cunha mensaxe de fondo calado ecoloxista que pretende esporear o compromiso do público coa defensa e preservación dos recursos naturais.

A barca do inferno de Moving Compass supón un verdadeiro desafío técnico e creativo para esta compañía formada por artistas galegos e internacionais que veñen do teatro físico, o circo, a música, a danza e o teatro de monicreques.

As entradas para ambos os dous espectáculos de Clásicas desfeitas poden adquirirse xa en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.
 

Imaxes relacionadas