A directora xeral de Patrimonio Natural e a delegada territorial en Ferrol reuníronse esta mañá cunha representación dos titulares de fincas privadas neste espazo

A Xunta recolle as achegas dos propietarios de terreos nas Fragas do Eume para deseñar un Plan reitor que combine a protección do parque co seu aproveitamento

Belén do Campo explica que o futuro documento concretará unha nova zonificación das case 10.000 hectáreas que ocupa este espazo natural, especificando os usos permitidos e restrinxidos desde o punto de vista agrogandeiro, forestal ou recreativo

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda continúa a rolda de contactos que retomou o pasado mes de outubro cunha primeira xuntanza cos alcaldes da zona e citará a semana que vén a máis propietarios e á comunidade de montes do parque

Pontedeume (A Coruña), 10 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia continúa coa súa rolda de contactos cos principais axentes, colectivos e entidades vencellados ao Parque Natural Fragas do Eume coa intención de implicalos no deseño do futuro Plan reitor de uso e xestión (PRUX), un instrumento que marcará as pautas a seguir para orientar o desenvolvemento económico e medioambiental deste espazo durante os vindeiros anos.

A tal fin, esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, reuníronse no centro de interpretación de Caaveiro con sete representantes dos propietarios de terreos dentro do parque para recoller as súas achegas e suxestións ao contido do PRUX e á vez, trasladarlles os pasos dados ata agora pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

As dúas representantes do Goberno galego coincidiron en subliñar que o documento reitor que se aprobe finalmente debe poñer o foco principal na protección e na conservación dos valores deste espazo natural, pero sen esquecer a necesidade de garantir tamén o seu aproveitamento desde o punto de vista socioeconómico.

Neste sentido, Belén do Campo incidiu na importancia de traballar nun PRUX que aposte por un parque “activo e dinámico” e para iso considerou necesario ter en conta antes todas as sensibilidades para poder redactar un documento “acorde” á realidade dun territorio que, máis alá dos seus valores naturais e etnográficos, tamén alberga unha notable actividade económica, forestal e recreativa que ten un efecto dinamizador para a comarca.

Por outra banda, ao igual que nos PRUX dos outros cinco parques naturais galegos —que xa están aprobados—, a directora xeral explicoulles aos propietarios de terreos nas Fragas do Eume que no futuro documento se concretará unha nova zonificación das case 10.000 hectáreas que ocupa este espazo natural, especificando en cada unha das franxas os usos permitidos e restrinxidos desde o punto de vista agrogandeiro, forestal ou recreativo, entre outros.
Tras subliñar que case o 80% dos terreos do parque son de titularidade privada e teñen moitos propietarios, Do Campo defendeu a necesidade de contar coa súa opinión e implicalos no deseño do PRUX, agradecendo ademais a vontade de colaboración amosada na reunión de hoxe, durante a que presentaron, segundo dixo, “interesantes achegas que serán tidas en conta”. Por iso, anunciou que a vindeira semana haberá unha nova xuntanza con titulares particulares de fincas e coa única comunidade de montes veciñais da zona.

Cómpre lembrar que este é o terceiro encontro de traballo que mantén nos últimos meses a directora xeral sobre o plan das Fragas do Eume. De feito, os contactos retomáronse en outubro, cun primeiro encontro cos alcaldes dos concellos do parque natural —Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes— para implicalos desde o principio no impulso do PRUX e planificar conxuntamente o calendario de traballo.

Esta reunión tivo continuidade a comezos de marzo, cando a directora xeral e a delegada da Xunta en Ferrol convocaron de novo aos cinco rexedores co fin de que cada un concretara os seus intereses prioritarios de cara ao futuro PRUX e compartira información de relevancia tanto para a redacción do documento como para identificar ás entidades, asociacións e organizacións a ter en conta en cada municipio para futuros encontros.

Paralelamente, desde a Consellería tamén se están a manter xuntanzas de carácter técnico con outros departamentos autonómicos co fin de recompilar as súas achegas e consideracións sobre o contido do novo instrumento de xestión.

Encontros co tecido do parque

Belén do Campo insistiu en que reunións como a celebrada hoxe son imprescindibles para coñecer de primeira man as inquedanzas das persoas que “viven, traballan ou dependen” das Fragas do Eume, un espazo protexido único e singular, integrado na Rede Natura 2000, cunha superficie de case 10.000 hectáreas e que alberga a mellor representación de bosque atlántico autóctono, ademais de ser o mellor conservado de toda Europa.

Neste sentido, incidiu en que o obxectivo principal da Xunta é aprobar un instrumento “completo, moderno e consensuado” que guíe durante a próxima década os usos e actividades permitidos dentro do que é segundo parque natural máis extenso de Galicia. Para iso, confirmou que tamén ten previsto citar a representantes do tecido asociativo e empresarial que desenvolven a súa actividade no parque ou na súa área de influencia.

Por último, engadiu que, aínda que quedan por diante meses de traballo, reunións e intercambio de ideas co tecido asociativo, económico e empresarial das Fragas do Eume, é importante seguir avanzando para garantir que poida contar este mesmo ano co seu propio PRUX, un fito transcendental para Galicia, subliñou, xa que é o único parque natural que ten pendente a aprobación deste instrumento.

Imaxes relacionadas