Un total de 208 centros de toda Galicia participarán este curso na nova edición do ‘Navega con rumbo’ para promover o uso responsable de internet

A Xunta e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia colaboran no desenvolvemento desta iniciativa

Nas sesións abordaranse temas de interese como as condutas de acoso e ciberacoso e outros riscos derivados do mal uso das redes sociais

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022

Un total de 208 centros educativos galegos participarán ao longo deste curso no programa Navega con rumbo, unha iniciativa impulsada pola Xunta en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia co fin de guiar aos mozos nunha navegación segura en internet de xeito útil e responsable, ao tempo que tamén se lle facilitan ferramentas aos docentes para uso didáctico na aula.

Por provincias, participan 74 centros coruñeses, 32 lucenses, 15 da provincia de Ourense e 87 da de Pontevedra. A relación de centros participantes pode consultarse no Portal Educativo.

A deste curso é a décima edición deste programa, que leva vixente en Galicia desde o curso 2010-11, e que está incluído entre as accións da Estratexia de Educación Dixital 2030.
Ao abeiro do mesmo, especialistas do Colexio de Enxeñaría Informática levarán a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración nos centros de ensino. Nestas xornadas abordaranse temas de interese como as condutas de acoso e ciberacoso e outros riscos derivados do mal uso das redes sociais.

Ademais, a través dunha guía de boas prácticas, tamén se fai partícipe das recomendacións aos profesores e familias na medida en que se poidan converter en transmisores de boas prácticas de cara á rapazada.