O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, informou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento sobre o Plan de Sendas de Galicia

A Xunta habilitou desde 2016 case 200 quilómetros de sendas seguras, sustentables e integradas na paisaxe nas estradas autonómicas cun investimento de 50 M€

Francisco Menéndez destaca que a 1ª fase do Plan de Sendas xa está case rematada e as obras relativas á segunda están en pleno desenvolvemento

Subliña que as actuacións se levaron a cabo en 11 comarcas, reforzando a mobilidade e a seguridade das vías e a súa integración en ámbitos urbanizados

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022

A Xunta, a través do Plan de Sendas de Galicia, habilitou desde o ano 2016 case 200 quilómetros de itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe nas estradas autonómicas, mobilizando preto de 50 millóns de euros.

Así o manifestou hoxe o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, na Comisión 2ª do Parlamento, onde precisou que, sumando a lonxitude das sendas construídas, resulta unha distancia maior que a que leva percorrer toda a Autoestrada do Atlántico entre Ferrol e Tui.

Francisco Menéndez concretou que a primeira fase do Plan de Sendas de Galicia está practicamente rematada e as obras relativas á segunda están en pleno desenvolvemento.

Detallou que para acadar este obxectivo en 11 comarcas, a Xunta redactou 75 proxectos construtivos, a maior parte deles co seu proceso de información pública, e procedeu á expropiación e á posterior licitación e execución das obras.

Destacou que en bisbarras como as de Bergantiños e do Salnés, as actuacións supuxeron un reforzo da funcionalidade, da mobilidade e da seguridade das estradas, así como a súa integración en ámbitos urbanizados como no caso da senda da AC-552 en Carballo, a da PO-308 en Poio e Sanxenxo ou o itinerario da AC-543 entre Santiago e Bertamiráns.

Novas sendas

Indicou que a Xunta continúa traballando para dotar de novos itinerarios peonís e ciclistas as estradas autonómicas nos vindeiros anos.

Para isto, o Goberno galego ten programado un investimento de máis de 19 millóns de euros para impulsar actuacións en 2022 e 2023.

Explicou que este avance na rede de sendas contará coa axuda dos fondos europeos FEDER React-EU.

Neste sentido, referiuse a ese orzamento de máis de 19 millóns de euros para acadar máis de 40 quilómetros de novas sendas, entre as que citou exemplos como a contorna metropolitana de Ourense ou na zona do Morrazo e de Bergantiños.

Adiantou outras actuacións que se prevén desenvolver en comarcas como as do Baixo Miño, Deza, Barbanza ou Noia, para as que se está a traballar na concreción do financiamento cos fondos europeos FEDER do programa operativo 2021–2027.

Tamén lembrou que o Executivo autonómico está a executar este ano sendas seguras para os peregrinos en treitos das estradas coincidentes cos Camiños de Santiago, mobilizando un investimento de máis de 1 millón de euros.

Ademais fixo referencia a pequenas actuacións de implantación de itinerarios peonís e ciclistas que se levan a cabo con medios da conservación de estradas, exemplificando próximas intervencións en estradas autonómicas en Guntín, Rianxo, Foz ou Coles.

Imaxes relacionadas