O Sergas publica as puntuacións provisionais de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario

Xeráronse un total de 20.944 inscricións

Só resultan excluídas do proceso o 1,64% das solicitudes de participación
 

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a relación provisional coa orde de prelación e a puntuación obtidas polas persoas aspirantes admitidas no proceso de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario. Concretamente das categorías de cociñeiro, grupo auxiliar da función administrativa, persoal de servizos xerais e pinche.
En total xeráronse 20.944 inscricións e só resultaron excluídas do proceso o 1,64% das solicitudes de participación.
As listas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Próximas publicacións

Proximamente publicaranse as listas provisionais das seguintes categorías: celador, celador quenda discapacidade intelectual, técnico en farmacia, técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico superior en dietética, técnico superior en documentación sanitaria, técnico superior en hixiene bucodental, técnico superior en imaxe para o diagnóstico, técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico e técnico superior en radioterapia.