A Xunta de Galicia destina 1,7 millóns de euros a equipar a fase 0 do novo CHUAC

O Portal de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación dun contrato de equipamento que inclúe 35 camas para a UCI, 45 de hospitalización xeral e equipos por case 700.000 euros para a nova farmacia hospitalaria

O delegado da Xunta na Coruña e o xerente da área sanitaria comprobaron o avance das obras da fase 0 que, cun investimento de 13 millóns de euros, inclúe a ampliación da farmacia, as novas UCI de politraumatizados e coidados intermedios e unha nova unidade de hospitalización
 

A Coruña, 10 de marzo de 2022

A O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trénor e o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, visitaron hoxe as obras da fase 0 do novo CHUAC, comprobando en particular os avances na ampliación da farmacia hospitalaria na primeira planta e na instalación no quinto andar das novas UCI de politraumatizados e coidados intermedios e dunha nova unidade de hospitalización.

Froito deste avance das obras, a Xunta axilizou xa a contratación do equipamento que necesitarán estes novos espazos en canto entren en funcionamento neste ano. Así, hoxe mesmo o Portal de Contratos Públicos de Galicia publica un contrato de equipamento e mobiliario sanitario por valor de 2,5 millóns de euros, dos cales 1,7 van destinados a dotar estes novos espazos do hospital coruñés. Este é o primeiro dos investimentos en equipamentos previstos que serán incrementando a medida que avancen as obras.

En concreto, o contrato inclúe 3 lotes destinados a equipamento tecnolóxico dos novos espazos da farmacia hospitalaria: 9 cabinas de seguridade biolóxica, 8 dosificadoras automáticas de estériles e un robot de preparación de mesturas parentais de citostáticos. Estes lotes teñen un valor conxunto de case 700.000 euros e supoñen unha importante modernización tecnolóxica do servizo de farmacia do CHUAC.

Por outra banda, outro lote de 741.000 euros vai destinado á adquisición de 35 camas de críticos destinadas ás novas UCI que se crearán con estas obras. E, finalmente, dentro doutros lotes de mobiliario que inclúen a outros hospitais, adquiriranse 45 camas, mesiñas e sillóns para as novas habitacións de hospitalización, 40 padiolas de exploración hidráulica, 40 carros de curas e 12 carros de parada.

O equipamento obxecto deste expediente de contratación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

O novo CHUAC

A posta á disposición dos cidadáns dun novo hospital público de referencia para as persoas da área sanitaria da Coruña é unha das máximas prioridades do Goberno galego para os vindeiros anos. O pasado mes de febreiro, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a declaración do novo Hospital Público da Coruña, novo CHUAC, como proxecto de interese autonómico.

Así, para desenvolver o novo CHUAC prevese un investimento da Xunta superior aos 430 millóns de euros, que permitirán duplicar a superficie construída para hospitalización do actual CHUAC ata chegar aos 86.500 m², reformar integramente as actuais edificacións e dotalo dunha nova accesibilidade radicalmente mellor ca actual.

A Xunta xa está a avanzar cun horizonte de traballo para facer realidade o novo CHUAC. En outubro adxudicouse o contrato que acompañará o seu desenvolvemento desde o punto de vista técnico. Ese contrato, cun importe de máis de 6 millóns de euros, inclúe a tramitación urbanística, ambiental, de expropiacións, a redacción dos proxectos e a dirección das obras, de modo que se logre a máxima consistencia e coherencia ao longo de todo o proceso.

Namentres, estase a executar a obra da “fase 0” visitada hoxe, na que se invisten 13 millóns de euros para a ampliación da farmacia, a creación dun novo hospital de día; o incremento do número de camas grazas á creación dunha nova unidade de hospitalización; e a ampliación dos servizos de urxencia e o número de camas para coidados intensivos. En total, esta fase supón actuara nun espazo de 8,6 hectáreas, xerando preto de 225.000 metros cadrados de nova superficie, un 67% máis.

 

Imaxes relacionadas