A Xunta remata a renovación de servizos, equipamentos e medidas de seguridade no auditorio municipal de Crecente

O delegado territorial, Luis López, e o alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, supervisaron esta actuación, realizada a través dun convenio entre ambas administracións cun investimento de 35.000 euros

As obras executadas consistiron na corrección de humidades e filtracións de auga, a instalación dun novo sistema de calefacción con bomba de calor, a modernización do alumeado interior e a colocación de sistemas de emerxencias

“Dende a Xunta acometemos unha obra moi necesaria para este espazo cultural de Crecente, tan empregado pola veciñanza e que agora quedou en perfectas condicións de confortabilidade para as actividades sociais e culturais”, sinalou Luis López
 

Crecente, 10 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de rematar as obras de renovación de servizos e equipamentos e de instalación de medidas de seguridade no auditorio municipal do Concello de Crecente, nas que se investiron 35.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, supervisaron esta actuación, realizada a través dun convenio entre ambas administracións e que servíu para corrixir as eivas que tiña este espazo cultural, principalmente en materia de humidades e filtracións de auga, e para dotalo de equipamentos cunha tecnoloxía máis moderna e eficiente.
As obras executadas consistiron inicialmente na substitución dos canalóns e baixantes e o arranxo das arquetas de augas pluviais, procedendo posteriormente á reparación das losetas e dos falsos teitos da entrada que quedaran deteriorados por esta situación. Así mesmo, tamén se procedeu ao pintado dos altofalantes e ao pulido e abrilantado da pavimentación en mármore.
Por outra banda, tamén se instalou un novo sistema de calefacción cunha bomba de calor, renovouse a iluminación interior con tres focos led no acceso ao edificio, reparouse o alumeado de balizamento na sala e colocouse un proxector autónomo de emerxencia ao tempo que se reaxustou a porta cortalumes para saída en caso de incidencia.
En materia de equipamentos, adquiríronse catro butacas individuais de sala, unha pareada de dúas unidades que se ancorou no chan, un armario con pechadura para o almacenamento de material, un percheiro con colgantes metálicos, un dispensador de papel de secado de mans e 52 cadeiras pregables para eventos de maior aforo.
Finalmente, acometéronse outras obras menores, como a susbtitución dos tiradores da porta principal, a reparación das portas dos aseos, a renovación integral da rede de enchufes e a instalación de adaptadores USB.
“Dende a Xunta de Galicia acometemos unha obra moi necesaria para este espazo cultural de Crecente, que se enmarca na nosa política de favorecer as condicións para a cultura nos concellos rurais e de interior. Este auditorio é moi empregado pola veciñanza e agora, coa axuda da Consellería de Cultura, quedou en perfectas condicións para a celebración de actividades sociais e culturais”, concluiu o representante autonómico.
 

Imaxes relacionadas