A Xunta adxudica por máis de 205.000 € as obras de construción dun novo muro de protección na marxe do río Mero en Ponte Peiraio, no concello de Cambre

Actuarase no noiro de sostemento da senda fluvial sobre a marxe esquerda da canle do río, acondicionando tamén o treito do itinerario soportado por este

O prazo de execución dos traballos é de 6 meses

A nova intervención reforza as actuacións de mantemento realizadas polos servizos de conservación fluvial de Augas de Galicia nese mesmo noiro, tras verse afectado polas sucesivas frontes de choivas acontecidas en decembro do 2019
 

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 205.376 euros as obras de construción dun novo muro de protección na marxe do río Mero en Ponte Peiraio, no concello de Cambre.

O contrato foi adxudicado á empresa Ovisa Pavimentos y Obras, S.L. e conta cun prazo de execución de 6 meses para a realización dos traballos.

Trátase de executar as actuacións necesarias para protexer o noiro de sostemento da senda fluvial de Ponte Peiraio, sobre a marxe esquerda da canle do río Mero.

Os traballos obxecto das obras contratadas pola Xunta teñen por obxectivo a reconstrución do citado muro, protexendo o noiro e detendo a perda de material do terreo. Ademais, acondicionarase a senda fluvial, na que se reporá o pavimento con zahorra artificial.

A execución do muro levarase a cabo por bataches, atacándose o baleirado e construción de muro de dique por nichos alternos, de 2 metros de lonxitude máxima, de xeito que o material non escavado ou muro xa executado exerzan de contraforte para o sostemento do terreo.

Con esta intervención, de Augas de Galicia, como organismo de conca con competencias na xestión do risco de inundacións na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, actúa para previr e paliar os efectos deste tipo de episodios.

Cómpre lembrar que os servizos de conservación fluvial de Augas de Galicia levaron a cabo distintas actuacións de reforzo e mantemento neste mesmo noiro, tras verse afectado polas sucesivas frontes de choivas acontecidas en decembro do 2019.

O departamento que preside Ethel Vázquez segue a colaborar co Concello de Cambre, con quen ten asinado desde o ano 2020 un convenio de colaboración para o mantemento da contorna do río Mero, cun investimento autonómico de case 160.000 euros. O acordo ten efectos ata o 31 de decembro de 2023.