Arias destaca que a Xunta reforza este ano o seu apoio á cultura con medidas para retomar o crecemento do sector

O delegado territorial de Lugo visitou a Sala Tebras, un dos locais beneficiarios da convocatoria de axudas para a programación musical do Xacobeo

Destacou o “enorme esforzo” dos negocios do ramo durante a pandemia para seguir ofrecendo aos lucenses “unha programación dinámica e unha axenda cultural con citas tan relevantes” como o dobre concerto que dará Manu Chao na cidade

Lugo, 10 de marzo 2022

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade reforza este ano o seu apoio á cultura con novas medidas que lles darán continuidade ás adoptadas desde o inicio da pandemia para contribuír a retomar o crecemento do sector.
Arias acudiu á Sala Tebras, un dos catro locais lucenses beneficiarios da orde extraordinaria de axudas realizada pola Xunta en 2021 para organizar espectáculos musicais no marco do Xacobeo.
Durante a visita, o delegado puxo en valor o “enorme esforzo” que fixeron establecementos do ramo como as salas de música, ás que agradeceu que “con todos os condicionantes de seguridade esixidos pola pandemia seguiran ofrecendo aos lucenses unha programación dinámica e unha axenda cultural con citas tan relevantes” como o dobre concerto que dará Manu Chao neste mesmo espazo -a Sala Tebras- os vindeiros domingo 13 e martes 15 de marzo.
“De seguro que a súa presenza na cidade terá un impacto moi positivo”, salientou Arias, quen afirmou que en Lugo “temos bastantes indicios de que estamos recobrando certa normalidade e de que o público recupera a confianza para asistir aos espectáculos e actividades culturais”.
Durante a visita fixo tamén fincapé en que a área autonómica de Cultura, que neste exercicio incrementou o seu orzamento nun 6%, “seguirá promovendo este ano iniciativas de impulso como a Rede Galega de Música o Vivo ou a Rede Galega de Teatros e Auditorios”, entre outras.

Imaxes relacionadas