A Xunta concede case 145.000 € en axudas para executar proxectos na área de influencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas

Entre as 27 actuacións subvencionadas cómpre salientar as obras na caseta municipal da praia de Rodas, a mellora do subministro de auga en Bretal-Olveira, en Ribeira, ademais doutros proxectos promovidos por entidades sociais, empresas e particulares

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convocará en abril unha nova orde de incentivos, dotada de 1,66 M€ para as anualidades 2022 e 2023, co fin de apoiar proxectos que contribúan á dinamización da contorna dos catro arquipélagos
 

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022

A Xunta concedeu subvencións por un importe global de case 145.000 euros para levar a cabo actividades, proxectos e iniciativas, promovidas tanto desde o sector público como privado, dentro do ámbito de influencia do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Segundo a resolución da convocatoria de 2021, que sae publicada hoxe no DOG e inclúe a relación completa de beneficiarios coa contías asignadas, outorgáronse 27 axudas para financiar outras tantas actuacións co obxectivo de promover un desenvolvemento sostible das poboacións asociadas a este espazo natural ou que viven na súa contorna.

Cómpre lembrar que o Parque Nacional das Illas Atlánticas, o único de Galicia, está conformado polos arquipélagos de Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora, de forma que a súa área de influencia abrangue os concellos de Vigo, Bueu, Vilagarcía de Arousa e Ribeira.

Neste sentido e aínda que o fin fundamental do Parque Nacional é protexer os seus valores e riqueza naturais, isto non debe ser un obstáculo para contribuír tamén ao crecemento económico do seu entorno dun xeito harmonioso e compatible cos obxectivos de conservación, motivo polo que se convocan desde hai anos estas axudas.

Entre as iniciativas subvencionadas ao abeiro da orde publicada o pasado mes de abril, 4 executáronas os propios concellos da área de influencia das illas, 12 tiñan detrás a entidades sen ánimo de lucro ou particulares, e as 11 restantes foron promovidas por empresas que desenvolven a súa actividade dentro da área de influencia do Parque.

Principais intervencións en 2021

As axudas máis cuantiosas recibíronas os catro concellos mencionados. En concreto, o de Vigo resultou beneficiario dunha axuda de 12.000 euros para intervir na caseta municipal de asistencia sanitaria da praia de Rodas, en Cíes; o de Ribeira recibiu 11.200 euros para mellorar o subministro de auga potable en Bretal-Oliveira; no caso de Vilagarcía a subvención foi de 12.000 euros, destinados á instalación dun sistema de reixa de desbaste e areeiro no bombeo para separar e diminuír ao máximo as impurezas da auga residual; e a Bueu asignóuselle a mesma contía para a Freguifesta de Ons.

Entre o resto de actuacións subvencionadas hai varias iniciativas privadas para a conservación do patrimonio natural do Parque Nacional, como accións de limpeza de fondos ou eliminación de invasoras; actividades de prestación de servizos aos visitantes; traballos de restauración do patrimonio arquitectónico; ou campañas e propostas orientadas a divulgar entre a poboación local os valores e a importancia deste espazo.

Esta liña de axudas terá continuidade este ano. Así, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convocará no mes de abril unha nova orde de incentivos, dotada de 1,66 millóns de euros para as anualidades 2022 e 2023 e dirixida aos concellos de Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Bueu e Vigo, así como a particulares, empresas e entidades que desenvolvan proxectos de dinamización na contorna dos catro arquipélagos.
 

Imaxes relacionadas