A Xunta inicia o proceso para declarar BIC unha moeda do século I antes de Cristo, da que só se coñecen tres exemplares no mundo

A peza coñecida como Sestercio de Augusto, atópase en Galicia nunha colección particular, e púidose empregar para facer fronte aos gastos das Guerras cántabras

Desde a aprobación da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, a Xunta declarou 102 BICs, polo que a día de hoxe Galicia suma un total de 775

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o expediente de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) unha moeda do século I a.C da que só se coñecen tres exemplares no mundo, un deles nunha colección particular de Galicia. Coa apertura do procedemento a peza, coñecida como Sestercio de Augusto, conta xa de xeito inmediato e provisional co réxime de protección previsto na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.
O inicio do proceso realízase a petición da Dirección General de Bellas Artes do Ministerio de Cultura y Deporte, polo seu especial interese para o patrimonio histórico español, tendo en conta que a moeda se atopa na nosa Comunidade. A devandita solicitude contén un informe técnico que xustifica o carácter excepcional da peza, única en España.
En virtude da información achegada, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta abriu o expediente de declaración -que deberá ser resolto no prazo máximo de dous anos- e queda anotada de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia. Ao tempo tamén se comunica ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Serie do Noroeste

A peza denominada Sestercio de Augusto é unha moeda do século I antes de Cristo, de bronce e duns 38 gramos que actualmente pertence a unha colección particular. Forma parte da serie coñecida como do Noroeste, polo seu lugar de circulación ou da caetra, polo escudo redondo do reverso, acuñada por Augusto, moi probablemente para facer fronte aos gastos militares das Guerras cántabras (27-19 a. C.) a última fase da conquista romana da Península Ibérica.

Á hora de abrir o expediente valórase que esta moeda sexa case única, ao existir dúas máis. Unha atopouse en 2005 nunha escavación arqueolóxica en Bracara Augusta (Braga-Portugal), e consérvase no Museu de Arqueoloxía don Diego de Sousa. Outra vendeuse nunha poxa en 1968 e 1979 e descoñecéndose o seu paradoiro actual.

Obxecto de investigación

O exemplar para o que se vén de incoar o expediente BIC foi adquirido nunha poxa en Nova York en 1999 e publicado en diversas monografías científicas de referencia para o estudo da moeda romana provincial en Hispania. A serie non presenta marcas de ceca nin de datación, polo que a súa data de emisión e lugar de produción non están definidas e son obxecto de investigación. Atribuíse as cecas como a de Emerita (Mérida), Lucus (Lugo), ou Colonia Patricia (Córdoba) e a talleres móbiles que acompañaban ao exército.

O inicio do expediente reflicte o importante compromiso do Goberno galego por protexer, conservar e poñer en valor o patrimonio sobranceiro da Comunidade. Así o demostran os 102 bens declarados desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, acadando Galicia un total de 775 Bens de Interese Cultural.

Imaxes relacionadas