O investigador Luís Cuntín publica o seu primeiro poemario co apoio da Xunta

O secretario xeral de Política Lingüística acompañou hoxe ao autor na primeira presentación aos medios deste traballo poético

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación de O caderno de Daia, o poemario de Luís Gustavo Cuntín publicado por Chan de Pólvora dentro da súa colección Ons e editado en colaboración Xunta de Galicia. O libro, iniciado en febreiro de 1975, cando o autor coñeceu en Redondela unha compañeira de estudos, demorouse máis de 30 anos en completarse e outros 14 en ver a luz.

Durante este largo e complexo proceso de creación, Cuntín foi dirixindo pouco a pouco os seus poemas á personaxe sublimada máis que á propia persoa que os inspirou. Porén, non se trata dunha autobiografía, aínda que si amosa que “a escrita e a vida poden fundirse como a tinta no papel”, tal e como recolle o editor, Antón Lopo, sobre a obra.

Pola súa banda, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade saudou “a publicación dun novo poemario en lingua galega, mostra da vitalidade e da potencia -en cantidade e en calidade- da nosa literatura actual”, e explicou “o papel fundamental que Chan de Pólvora “está tendo na visibilidade dos autores e autoras dos últimos anos”.

Canda o representante do Goberno galego tamén participaron neste acto, que acolleu o compostelán Café Airas Nunes, Antón Lopo, editor do poemario; Elías Torres Feijó, autor do limiar do volume; e os escritores Arturo L. Regueiro e Javier Pérez Carrasco.

Luís Gustavo Cuntín Docampo (Santiago de Compostela, 1960) dedícase á investigación nunha perspectiva sociolóxica, logo de ser director técnico de Obradoiro de Socioloxía de 1998 a 2013 e profesor asociado na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC. O caderno de Daia é o seu primeiro poemario publicado, aínda que previamente colaborou con frecuencia co poeta Arturo L. Regueiro, co que desenvolveu varios proxectos.