Lete Lasa destaca o "alcance universal" do deporte galego na recepción a Pilar Barros e Jorge Candán, tres veces campións do mundo de vídeo submarino

Amosa a súa satisfacción polo comportamento das licenzas de actividades subacuáticas durante a pandemia xa que en 2019 eran preto de 3.500 e hoxe acadan xa as 4.500

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu na mañá de hoxe aos deportistas pobrenses do Náutico Boiro, María Pilar Barros e Jorge Candán, que en 2021 se proclamaron por terceira vez campións do mundo de vídeo submarino. Ademais, a parella tamén conta con seis campionatos de España e ambos son deportistas galegos de alto nivel (DGAN), sendo tamén Jorge deportista de alto nivel (DAN) polo CSD.

O mandatario galego destacou de novo a importancia de Galicia nos deportes náuticos e sinalou a forte puxanza das actividades subacuáticas que, despois do piragüismo, representa a federación náutica con maior número de licenzas federativas. Neste sentido, amosou a súa satisfacción polo comportamento destas licenzas durante a pandemia xa que en 2019 eran preto de 3.500 e hoxe acadan xa as 4.500. Lete Lasa fitou cara os éxitos de Candán e Barros como o acicate para que moitos nenos e nenas se inicien nestas actividades deportivas en contacto coa natureza.

O responsable da carteira de Deporte subliñou a aposta da Secretaría Xeral para o Deporte polas actividades subacuáticas cun incremento no convenio de colaboración coa federación en 2022 que sobe ata os 19.912 euros e que ademais conta con dous Proxectos de Especial Relevancia como son o Campionato de España de Clubs por autonomías de Pesca Submarina e o Campionato de España Cazafotosub. Do mesmo xeito, tamén apuntou que a Fundación Deporte Galego seguirá apoiar o camiño de Jorge e Pilar que desde 2019 recibiron un total de 1,650 euros en concepto de bolsas pola súa condición de deportistas galegos de alto nivel.

Imaxes relacionadas