A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou na Conferencia Sectorial de Vivenda e Solo

Galicia, Andalucía, Castela e León, Madrid e Murcia solicitan ao Goberno central que modifique o Bono mozo para "dar seguridade" aos solicitantes e ás comunidades

Consideran “improvisada e enrevesada” esta medida e lamentan que o Ministerio non contase coa súa opinión antes de aprobala

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022

Galicia, Andalucía, Castela e León, Madrid e Murcia fan unha fronte común para solicitar ao Goberno central que modifique a normativa do Bono alugueiro mozo, co fin de “dar seguridade á xente nova que queira acceder a esta axuda, así como ás comunidades autónomas”.

Así o expuxeron hoxe os representantes autonómicos durante a reunión da Conferencia Sectorial de Vivenda e Solo, convocada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, na que por parte da Xunta participou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, así como o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto.

Os responsables de vivenda das cinco comunidades requiriron ao Ministerio que concrete a definición desta medida para “evitar a súa maraña burocrática” en aspectos como as rendas de alugueiro, as rendas máximas dos solicitantes, e os documentos que acrediten a residencia na vivenda ou habitación.

Consideraron “improvisada e enrevesada” a posta en marcha do Bono por parte do Goberno central, e lamentaron que non contase coa opinión das comunidades autónomas, nin tampouco co Consello de Xuventude, antes de aprobar esta medida. “Saíu adiante con relacións mínimas e imposicións máximas”, dixeron.

Así mesmo, reiteraron algunhas das cuestións xa expostas na conferencia sectorial do pasado día 2 de febreiro, ao seguir considerando que se trata dun modelo que xerará un efecto inflacionista claro nos alugueiros e non resolverá o problema. Do mesmo xeito, solicitaron que se aclarasen aspectos clave do Bono que aínda non están definidos, tales como o procedemento de xestión, os supostos nos que se comparte piso, ou a mobilidade entre comunidades autónomas, entre outros.

Avanzaron tamén que, “tal e como está deseñado, vai ser demasiado complexo” e advertiron que “os fondos estatais chegarán tarde e serán difíciles de xestionar polas administracións rexionais, debido ao galimatías administrativo que nos trasladan ás comunidades e, o que é peor, aos cidadáns”.

Os representantes destas cinco autonomías tamén solicitaron ao Goberno central o desenvolvemento dunha ferramenta informática de xestión que permita a todas as administracións o traspaso de datos en caso de movementos a outras autonomías por parte dos solicitantes. “Entendemos que a posibilidade de pagar mensualmente ou periodicamente vai facer inasumible a xestión destas axudas”, dixeron.

“O Ministerio non cesou en crear falsas expectativas: anunciou esta medida a comezos de outubro do 2021, aprobouna en xaneiro no Consello de Ministros e os fondos, cinco meses despois do primeiro anuncio, aínda non foron transferidos”, incidiron as comunidades, lembrando que apenas chegará a pouco máis do 1% dos seus posibles beneficiarios.

Plan de vivenda “ideolóxico”

Por outra banda, os representantes autonómicos reprocharon a falta de asunción por parte do Goberno central das suxestións plantexadas polas autonomías durante a elaboración do novo Plan estatal de vivenda 2022-2025, que cualificaron de “ideolóxico e que unicamente satisfai aos seus socios de coalición, empeñados en reeditar un modelo intervencionista que non funcionou en ningún lugar onde se aplicou”.

“É unha folla de ruta igual de intervencionista que a Lei de vivenda, na que tampouco existiu diálogo algún”, sinalaron. A este respecto, lamentaron profundamente que a ministra non convocase hai meses unha ou varias reunións da Conferencia Sectorial para abordar o texto dunha lei “con tantas e tan graves consecuencias”. E, en referencia ao Plan estatal, que as Comunidades non tivesen máis participación na definición e condicións dos diferentes programas.

“A pesar de ser confinanciado, o Plan impón que un 20% do financiamento estea destinada a programas específicos que na súa maioría xa existen nas comunidades autónomas, como pode ser o da Sareb. E, para complicalo aínda máis, impón a imposibilidade de conceder unha axuda dos programas regulados sen que antes se convocaran ou resolveran as axudas dunha das liñas, co que se limita totalmente a capacidade de decisión e a liberdade de elección ás comunidades”, concluíron.

Por último, manifestaron que a regulación aprobada invade competencias autonómicas porque de facto “fai” política de vivenda ao esixir a implantación dalgúns programas sen respectar as previsións da lexislación autonómica. É unha imposición que choca coas lexislacións autonómicas en moitos casos, que xa conteñen previsións para atender as necesidades de colectivos vulnerables.

Imaxes relacionadas