O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participa na Conferencia Sectorial que abordou o novo Real Decreto de acceso á profesión docente

Galicia informa ao Ministerio de que xa cumpre o obxectivo de interinidade docente e reclama seguridade xurídica para o proceso de estabilización

A nosa comunidade rexistra un 8 %, fronte ao 25 % de interinidade media estatal

É necesario que o Ministerio concrete o Real Decreto para convocar un concurso de méritos que lle dea cumprimento, e co que a Xunta xa se comprometeu

A Xunta ten xa convocadas 2.484 prazas polo sistema habitual, co obxectivo de blindar o procedemento e dar certezas aos opositores

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou esta tarde na Conferencia Sectorial de Educación, na que se abordou o novo Real Decreto co que o Ministerio de Educación vai cambiar o acceso á profesión docente. A este respecto, o titular do departamento educativo da Xunta informou ao Ministerio de que Galicia xa cumpre, cun 8 % (fronte ao 25 % de media de España), o obxectivo de interinidade que o Goberno Central pretende acadar con estes cambios.

Neste sentido, Román Rodríguez sinalou que é imprescindible que o Ministerio aclare como vai quedar a normativa, de tal xeito que haxa seguridade xurídica no proceso de estabilización. Non en balde, este Real Decreto vai afectar tanto ao concurso de méritos, que a Xunta xa se comprometeu a por en marcha este ano, como aos concursos-oposición que se realicen ata 2024.

Neste momento Galicia ten xa convocadas un total de 2.484 prazas, correspondentes ás ofertas públicas de emprego dos anos 2021 e 2022, cuxos exames se desenvolverán a partir do 18 de xuño. As probas realizaranse polo sistema habitual, blindando o proceso e dando certezas ás persoas que xa as estaban a preparar antes de que o Ministerio decidira, no medio do Nadal, cambiar o sistema sen aviso previo.

Situación dos interinos

A Xunta expuxo tamén ao Ministerio a súa preocupación pola situación na que van quedar os interinos que non acadaran praza no ano 2024 a través deste procedemento extraordinario de estabilización. De feito, a Lei 20/2021, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público establece que o Ministerio deberá elaborar normativa de desenvolvemento para esclarecer este asunto.

Por outra banda, desde o Goberno galego xa se solicitou ao Ministerio a redución da puntuación por prestar servizos nunha especialidade diferente á que se participe no concurso de méritos. Neste sentido, a Consellería considera que coa redacción actual se facilita a posibilidade de que as persoas que carezan da formación ou a experiencia necesaria para impartir unha materia acaden praza nunha especialidade que non é a que viñeron exercendo como interinos, o que vai en contra da calidade do sistema educativo.

Así mesmo, desde Galicia reclamouse ao Ministerio poder retomar o procedemento habitual de oposición unhas vez se executen todas as prazas vencelladas a estabilización.

O conselleiro lembrou, finalmente, que o Goberno galego ten xa aprobadas na 144 prazas correspondentes ás especialidades do extinguido corpo de profesores técnicos de FP, que están pendentes de convocar á espera de como quede finalmente a nova lei de FP e o seu desenvolvemento.

Escolarización de refuxiados

Por outra parte, o conselleiro sinalou a necesidade de que o Ministerio elabore un plan de escolarización urxente dos refuxiados que poidan chegar a España procedentes de Ucraína, co fin de coordinar as actuacións entre as diferentes administracións e abordala desde unha perspectiva conxunta.

Neste sentido, sería necesario abordar cuestións como o acceso destes nenos aos centros, a concreción dos apoios que precisen, a homologación de títulos ou a transferencia de recursos por parte do Goberno central para facer fronte a esta situación excepcional, entre outras.

Imaxes relacionadas