A Xunta compromete medio millón de euros para a reforma da Sangriña e paliar a situación "inadmisible" que atravesa o Guardés

Lete Lasa alerta do problema que supón para o Guardés atopar un escenario alternativo no que xogar os seus partidos durante o período das obras

A Secretaría Xeral para o Deporte asinou e executou ata tres convenios de colaboración co Concello da Guarda en 2021 por importe de 150.000 euros para a realización de obras en instalacións deportivas, tendo como obxecto dous deles o pavillón da Sangriña

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo un encontro de traballo co alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a concelleira de Deportes, Montse Magallanes, para tratar as cuestións sobre a reforma e ampliación do pavillón da Sangriña. O mandatario galego comprometeu un investimento de medio millón de euros para a reforma e ampliación da Sangriña co obxectivo de que o proxecto para o novo pavillón solucione a situación “inadmisible” que atravesa o Mecalia Atlético Guardés, un dos “equipos senlleiros da nosa comunidade”.

Este anuncio prodúcese tan só tres semanas despois de que o secretario xeral para o Deporte expresara ante a directiva da Federación Galega de Balonmán e do Guardés, a súa “profunda preocupación” ante o “futuro incerto” dun equipo feminino que “leva anos facendo historia”. Lete Lasa lembrou que “un club tan grande como o Guardés, precisa un pavillón axeitado á súa magnitude”.

Cómpre salientar que o proxecto municipal para a reforma do devandito pavillón, “non é o óptimo deseño que precisa o Guardés xa que seguiría sen poder acceder á fase de grupos da Liga Europea” e a Xunta xa amosou a súa intención de levar a cabo un novo pavillón, pero a situación precisa “desatascarse canto antes”.

Alén da reforma do pavillón da Sangriña, o responsable do Deporte Galego alertou do problema que supón para o Guardés atopar un escenario alternativo no que xogar os seus partidos durante o período das obras e cominou ao concello a atopar canto antes unha situación válida para un club que transita pola cuarta posición da máxima división nacional, está na fase final da Copa da Raíña e leva oito anos consecutivos xogando competición europea.

Cómpre lembrar que a Secretaría Xeral para o Deporte asinou e executou ata tres convenios de colaboración co Concello da Guarda en 2021 para a realización de obras en instalacións deportivas, tendo como obxecto dous deles o pavillón da Sangriña. En total, a instalación dun tratamento térmico (95.925,77 euros) así como un video marcador (24.000 euros) para o devandito pavillón e a substitución do material de cuberta e pintado do exterior do club de remo Robaleira (29.383,49 euros), supuxeron un investimento de 150.000 euros (149.309,26 euros), sendo achegado pola Xunta o 81% (120.537,82 euros).

Sumando o xa investido no pavillón en 2021 máis o novo compromiso de 500.000 euros, a contía achegada pola Xunta equivale a un terzo do proxecto de reforma e ampliación da Sangriña.

Imaxes relacionadas