As obras de mellora de circuíto covid realizadas pola Xunta permiten reabrir o consultorio de Ferrol Vello

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva, reuníronse esta mañá co presidente da Asociación de Veciños de Ferrol Vello, Manuel Zapata

Os traballos contaron cun investimento de preto de 5.000 euros

Ferrol, 9 de marzo de 2022

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva, reuníronse esta mañá co presidente de Asociación de Veciños de Ferrol Vello, Manuel Zapata, para darlle conta, tal e como se viña facendo por escrito en meses anteriores, das últimas noticias sobre o Consultorio Manuel Comellas, no Concello de Ferrol.

No encontro, a delegada e o xerente anunciáronlle ao representante veciñal que a Xunta ten previsto reabrir o consultorio a primeira semana de abril, posto que xa estarían rematadas as obras de mellora de circuíto Covid, que foi necesario realizar neste centro sanitario; e, igualmente, xa está en descenso a última onda epidémica, cumprindo así co informado a esta Asociación.

As obras consistiron na creación dunha nova sala para pacientes con sospeita Covid, creación dunha nova sala de descanso, e creación dunha nova oficina de administración con novos mesados e pantallas. Demoléronse tabiques, e aproveitouse para o acondicionamento de paredes e teitos.

Os traballos de mellora, que contan cun investimento de case cinco mil euros, permitirán volver a dar servizo, tal e como se viñan prestando antes da pandemia, aos veciños da zona.

Neste centro sanitario traballan tres profesionais: Facultativo, Enfermería e Persoal de Servizos Xerais, que atenden a un total de 1.032 tarxetas sanitarias, das que 405 son maiores de 65 anos. Realízanse uns 8.500 actos sanitarios anuais entre medicina e enfermería.

Imaxes relacionadas