A Xunta creará este ano unidades multidisciplinares de solo pélvico nas sete áreas sanitarias

Así o anunciou no Parlamento de Galicia o conselleiro de Sanidade, que tamén referiu que o seu departamento vai estender a toda Galicia a primeira guía de actuación ante casos de submisión química

Destacou como exemplos da aposta da Xunta pola mellora da saúde das mulleres a extensión do cribado de cancro de cérvix ou o uso dos novos equipos de cirurxía robotizada para intervencións de endometriose

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou hoxe, no Pleno do Parlamento de Galicia, que o seu departamento vén de remitir ás sete áreas sanitarias do Sergas a indicación para que comecen a traballar na constitución ao longo deste ano das unidades multidisciplinares que atendan as patoloxías de solo pélvico.
Así mesmo, tamén sinalou que, no marco do Plan Galego de Atención Primaria, e da aprobación da nova carteira de servizos de matronas, o Servizo Galego de Saúde potenciará a abordaxe da rehabilitación de solo pélvico que se realiza desde as consultas de matronas.
Deste xeito, o departamento sanitario galego segue a avanzar no compromiso acadado no Parlamento galego referido á regulación e homoxeneización das unidades de mama para, posteriormente, avanzar nas doutras patoloxías. Para progresar no cumprimento deste acordo, no mes de novembro a Xunta publicou a orde que regula o funcionamento das unidades multidisciplinares de atención asistencial no Sergas.
Na súa intervención no Pazo do Hórreo na que respondeu a unha interpelación dun dos grupos da Cámara referida a atención á saúde das mulleres, García Comesaña anunciou tamén que o Sergas vai estender a toda Galicia a primeira guía de actuación ante casos de submisión química, elaborada na área sanitaria de Ourense, para que sexa de aplicación en todas as áreas sanitarias de cara a mellorar a atención destes casos, facilitando, ademais, a súa detección.
Nela establécese un protocolo entre o servizo de urxencias, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, o Imelga e os órganos xudiciais, co obxectivo de sistematizar o diagnóstico, tratamento e seguimento das vítimas de submisión química, que normalmente, vén ligada a agresións sexuais ou abuso de menores.
O conselleiro sinalou que, ademais das accións formativas específicas sobre violencia de xénero dirixidas a todos os profesionais, o Sergas ten constituídos dous grupos de traballo, un de violencia de xénero e saúde, formado por profesionais do ámbito sanitario con gran experiencia e sensibilidade na materia; e outro para a elaboración do Protocolo multidisciplinar nos casos de delitos contra a libertade sexual. Tal e como dixo García Comesaña, no ano 2016 dende o Sergas publicouse o documento: “Violencia de xénero: procedemento de intervención en saúde”, que se completou en 2020 coa presentación dun procedemento de detección precoz de casos de violencia de xénero dende o ámbito sanitario.

Sistema sanitario máis igualitario

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego remarcou a aprobación, o pasado mes de xuño, do Plan de Igualdade entre mulleres e homes no Sergas 2021-2024, do que sinalou que se trata dun feito diferencial que marca o compromiso do Goberno galego para acadar tamén unha igualdade real no ámbito sanitario, tanto no eido dos e das profesionais como no asistencial.
Destacou, así mesmo o conselleiro a atención que se lle presta en Galicia á endometriose, coa creación de consultas específicas, así como co inicio das intervencións desta patoloxía cos robots Da Vinci, recentemente incorporados a todas as áreas sanitarias e que supuxeron un investimento de 20,5 millóns de euros, que permiten unha abordaxe mais precisa e unha recuperación mais rápida para as pacientes.
Sinalou tamén que no marco do programa de cribados que realiza a consellería de Sanidade, investiranse 1,2 millóns de euros na renovación de catro equipos de mamografía, destinados ao cribado do cancro de mama para continuar con este programa con criterios de máxima calidade e reiterou o compromiso da extensión do cribado de cancro de cérvix iniciado na área sanitaria de Lugo, ás áreas sanitarias de Ferrol e Pontevedra.
Para rematar a súa intervención, García Comesaña dixo que o seu departamento segue a avanzar para ofrecer a mellor asistencia integral ás mulleres, co establecemento de novos protocolos, a mellora de infraestruturas, a abordaxe da asistencia con perspectiva de xénero e, tamén, coa implantación de medidas para avanzar cara unha sanidade máis igualitaria que permitan que as mulleres continúen sendo o motor do noso sistema sanitario e da nosa sociedade.